(Vídeo) Internos de prisións agasallan figuriñas de xeso a 250 crianzas dun barrio da Coruña

As persoas do Centro Penal de Teixeiro e do Centro de Inserción Social da Coruña desexan un feliz verán ao alumnado dun colexio coruñés a través duns cantos regalos que chegan este venres ao seu destino.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Fundación Érguete, en colaboración coas persoas internas no Centro de Inserción Social da Coruña e o Centro Penal de Teixeiro, veñen de crear ata 250 agasallos de fin de curso para todo o alumnado e profesorado do CEIP Sanjurjo de Carricarte, no barrio de Monte Alto da Coruña. "Xa que as crianzas non poden celebrar unha festa como sería o habitual noutros anos, propuxemos esta iniciativa a un dos colexios lindeiros co centro, onde as persoas internas participantes en talleres ocupacionais poderían facer un agasallo ao alumnado como detalle de fin de curso, para suplir un pouco a falta de celebracións", explican dende a Fundación.

Agasallos creados por persoas internas de Teixeiro e A Coruña para o alumnado dun colexio da Coruña
Agasallos creados por persoas internas de Teixeiro e A Coruña para o alumnado dun colexio da Coruña | Fonte: Fundación Érguete

Así, dende o Centro Penal de Teixeiro colaborou coa iniciativa o módulo nove, de enfermidade mental, xunto co módulo de mulleres, que crearon e pintaron 250 figuras para cada crianza e una flor de cerámica para cada un dos profesionais docentes. No Centro de Inserción Social encargáronse do empaquetado dos agasallos con sobres de papel e adornos de madeira pintados a man. Todos estes regalos chegarán ao centro este mesmo venres, xunto cun vídeo que mostra o proceso de creación e xunto coa lectura dunha carta "onde as persoas participantes mostran a ilusión que lles fixo o encargo e lles desexan un feliz verán".

"Estivemos inmensamente felices fabricándoos, e tamén nos gustaría que servisen para demostrar que aínda que neste momento das nosas vidas nos atopamos aquí, non queremos sentirnos fóra da sociedade", relata unha das persoas internas que participou na iniciativa. De cara ao vindeiro curso escolar, o mundo da cárcere e o da educación escolar seguirá creando sinerxias a través da fabricación de xoguetes de maneira para "axudar no camiño de construír un patio máis inclusivo". Segundo explica a Fundación, desta vez os protagonistas serán algúns participantes da carpintaría do C.I.S da Coruña xunto co Centro Penal de Teixeiro, e coa colaboración da empresa FINSA. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta