Asociación pola Defensa da Ría recorrerá resolución da Audiencia Nacional sobre a prórroga de Ence

Convoca para o 4 de xullo a marcha anual para reclamar que a factoría abandone Lourizán.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 18/06/2021 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) anunciou que recorrerá a próxima resolución da Audiencia Nacional sobre a concesión á fábrica de Ence da prórroga para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre na Ría de Pontevedra.

Biofábrica de Ence en Pontevedra
Biofábrica de Ence en Pontevedra | Fonte: ENCE.

O presidente da APDR, Antón Masa, e a secretaria desta asociación, Antía Mariño, anunciaron este venres os plans do colectivo ecoloxista respecto da decisión que adopte a Audiencia Nacional que, segundo anunciou o Comité de empresa de Ence, votarase o próximo día 22 de xuño, dentro do procedemento xudicial impulsado polo Concello de Pontevedra, Greenpeace e a propia APDR.

Antón Masa sinalou que en Defensa da Ría cren que, á vista das últimas resolucións da Audiencia Nacional en casos similares, "en ningún caso se vai apoiar a prórroga de 60 anos concedida por Rajoy", e que a sentenza da Audiencia Nacional optará polos cumprimentos dos 75 anos de concesión outorgados inicialmente.

O presidente da APDR advertiu que "sexa cal for a resolución, o problema non está resolto e non queda aí", polo que acudirán ao Supremo e, chegado o caso, aos tribunais europeos para que "se cumpra a lei".

Na comparecencia da APDR convocouse para o domingo 4 de xullo a marcha anual para reclamar que a factoría de Ence abandone a ría de Pontevedra. O lema elixido este ano é 'Fóra da ría xa'.

Os participantes partirán simultaneamente das alamedas de Marín e Pontevedra ás 12,00 horas do domingo 4 de xullo e atoparanse ás portas de Ence, punto final dos percorridos e onde se concentrarán e darase lectura a un manifesto.

Nos días previos, membros desta asociación repartirán folletos polas rúas de Pontevedra coas reivindicacións desta campaña, que inclúe argumentos que inciden na saúde, o respecto polos recursos naturais ou o cumprimento da normativa que posibilite o traslado inmediato de Ence.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta