Acusan a Naturgy de "querer contaminar" un encoro da Limia para producir electricidade

O plan da eléctrica implicaría repatir "un millón de metros cúbicos de entullos" en zonas protexidas do Gerês-Xurés.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Nova mobilización da plataforma ecoloxista Adega contra un proxecto industrial que ameazaría con danar o medio ambiente galego. Desta vez, as reivindicacións da asociación céntranse na Limia, unha zona baixo o punto de mira nos últimos anos polas denuncias de vertidos de puríns a masas de auga, cuestión xa recollida por Galicia Confidencial en ocasións anteriores.

Encoro das Conchas, na Limia, afectado por contaminación de bacterias
Encoro das Conchas, na Limia, afectado por contaminación de bacterias | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Con todo, desta vez a empresa obxecto de denuncia por parte do movemento ecoloxista non é Coren, senón Naturgy. Segundo apuntan dende a asociación con sede en Santiago de Compostela, a entidade pretendería unir dous encoros cunha central de bombeo soterrada; circunstancia que, á parte de danar zonas protexidas de distinto calibre, implicaría contaminar unha masa de auga en bo estado; sempre segundo denuncian dende Adega.

A cuestión estaría, precisamente, na unión deses dous encoros, que se produciría mediante a construción dunha central de bombeo soterrada. Dende Adega sosteñen que a operación implicaría reducir ao mínimo o caudal dos dous encoros “durante meses”, co prexuízo que iso implicaría para a fauna e flora das contornas, á parte de repartir “máis dun millón de metros cúbicos de entullos” na reserva da Biosfera Gerês-Xurés.

A problemática máis grave, porén, non estaría na eliminación de 153 hectáreas de hábitat --parte del protexido ou pendente de protexer--, senón nas consecuencias que a fusión destas dúas masas de auga tería para a que segue mantendo un “bo estado ecolóxico”: o encoro de Salas.  De levarse a cabo os plans da empresa, apuntan dende Adega, as augas de Salas veríanse mesturadas cos do encoro das Cunchas, sometido a unha elevada carga de cianobacterias como consecuencia dos vertidos de puríns de gando denunciados en reiteradas ocasións pola plataforma ecoloxista. 

DECISIÓN DO GOBERNO

Esta “barbaridade ambiental”, á parte, desenvolveríase de cara a que Naturgy --a antiga GN-FENOSA-- puidese continuar a explotar dúas concesións franquistas dos anos 40 até esgotar os seus 99 anos de vixencia. “É esta a nova economía verde?, cuestionan dende a asociación. Polo momento, o trámite está pendente do Goberno central, dado que a Xunta xa informou favorablemente do proxecto cando este se comezou a tramitar, hai uns 4 anos. Agora, a pelota está no tellado do MITECO, que terá que decidir se mantén a vixencia da declaración de impacto ambiental ou bota abaixo un proxecto que, de acordo co movemento ecoloxista, provocaría graves danos na contorna da Limia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Se non lle damos ao machete da electricidade deixando a Naturgy a escuras, teremos toda Galicia convertida en parques de aeroxeradores e nas rías sustituiranse os parques acuícalas por muiños de vento ! A electricidade é nosa e non de Fenosa ! Onde están os nacionalistas nestas alturas ? Seguramente escribindo tuits nas Redes Sociais !