(Gráfico) Galicia multiplicou por nove a taxa de contaxios tras a retirada das máscaras en exteriores

A Comunidade ten 2.630 casos activos, un 45% máis apenas hai dez días. Os hospitalizados e mortes seguen á baixa, pero os contaxios medran sen pausa dende hai dúas semanas. Todo despois de que Xunta e Goberno central rifaran por ver quen daba o anuncio da retirada da máscaras.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2021 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

Galicia dá pasos atrás na loita contra a pandemia. As derradeiras semanas da primavera viñeron marcadas por unha estabilidade nos contaxios e hospitalizados que, dende finais de xuño, veñen subindo a un ritmo ata hai pouco lento pero que, nas últimas xornadas, ameaza con destruír a pasos cada vez máis grandes o conquistado na loita contra a pandemia. 

Arquivo - Enfermeiros. SATSE - Arquivo
Arquivo - Enfermeiros. SATSE - Arquivo

Aínda que a Comunidade segue en valores moi reducidos en comparación a, por exemplo, a vaga que seguiu ás celebracións de Nadal, é un feito que a situación pandémica está a empeorar. Galicia conta, neste momento, con 2.638 casos activos, unha cifra paralela a agosto de 2020 e que tamén lembra ao verán pasado pola escalada continua de contaxios. A Comunidade leva trece días seguidos sumando pacientes covid, unha tendencia que non presenta visos de cambio e tras a cal podería estar a desexada fin das máscaras pola rúa.

Dende o comezo da pandemia, os gobernos autonómicos e estatal de España veñen rifando por dar as boas noticias e deixar as menos positivas ao resto. Esta tendencia agudizouse coa anuncio da recta final da pandemia. Núñez Feijóo levaba semanas falando de levantar a obrigatoriedade de portar máscara en exteriores cando, no xuño pasado, o executivo de Sánchez lle adiantou pola dereita. E o líder do PPdeG, que non quería deixar tal caramelo na man do presidente do Goberno, lanzou a súa propia normativa a poucas horas de que o Consello Interterritorial de Saúde se reunira para desenvolver a súa.

INCREMENTO CONSTANTE DE CASOS

A medida entrou en vigor poucos días despois, o sábado 26 de xuño, e dende entón Galicia non deixou de subir en casos activos unha soa xornada. É certo que o incremento viña de antes, pero tamén resulta inapelable --atendendo aos datos do Sergas-- que a retirada da máscara en exteriores foi parella dunha aceleración dos contaxios. 

Nos dez días previos a que a norma da Xunta fora efectiva, Galicia pasou de 1.346 casos en domicilio (16/06) a 1.413 (26/06), un incremento de apenas o 5% que foi interrompido por un pequeno descenso das cifras. En troques, dende ese 26/06 Galicia sumou 1.225 contaxios, un 46’4%. En suma, un incremento notablemente máis marcado e que, como se pode apreciar neste gráfico, mantense en tendencia ascendente.

A normativa galega para o uso de máscara obriga a portala sempre que non se poida manter a distancia de seguridade --1’5 metros--, á parte de en actividades ao aire libre e terrazas. En conxunto, unha serie de restricións desenvoltas de acordo coas recomendacións sanitarias e que, en principio, deberían garantir o mantemento dos casos en niveis estables. É importante lembrar, neste aspecto, que as cifras do Sergas coinciden con outros aspectos da desescalada, tales como o regreso do lecer nocturno o a lenta reactivación da verbena, e o macrogromo de Mallorca

MELLORES DATOS

Porén, o incremento dos casos non implica que Galicia volva estar na difícil situación das primeiras vagas. A diferenza do acontecido nos envites de 2020, a Comunidade conta, desta vez, co gran escudo das vacinas, que veñen de permitir ao Sergas informar de cada vez menos falecidos. Na pasada xornada non volveron comunicar óbito algún, feito que deixa a conta oficial de persoas contaxiadas con covid-19 falecidas en Galicia en 2.437.

O caso é paralelo nas UCIs, máis relaxadas tras a vacinación de colectivos vulnerables tales como os máis maiores e as persoas con patoloxías previas. Galicia mantense neste momento en mínimos históricos no tocante a ingresos, tanto en unidades convencionais --con 47 camas ocupadas-- como no tocante aos críticos, onde hai 12. As últimas semanas viñeron cargadas de alertas médicas sinalando que, co avance da vacinación, o perfil do ingresado en UCI por covid viraba cada vez máis a xente nova e, en ocasións, sen patoloxías previas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta