Momento estratéxico

Estamos tan afeitos ás derrotas en Galicia que nin sequera chegamos a recoñecer as vitorias. A adxudicación de NCG a Banesco é un gran triunfo do País. E todos deberiamos estar celebrándoo.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 19/12/2013

Comparte esta noticia
Seguramente Feijóo sexa un tipo con sorte. Nunca se saberá o seu papel real na poxa de Novagalicia. A oferta sorpresa de Banesco foille como a aparición da virxe de Fátima e mesmo lle puido salvar o futuro político, cando menos o máis próximo. Pero iso agora non importa. Feijóo nada máis resulta un elemento circunstancial desta historia. O que importa é a nova oportunidade que gana este País. 
 
E si, resulta conveniente lembrar a lamentable xestión das dúas Caixas durante demasiados anos; a conivencia da clase política e da sociedade en xeral cos seus funestos líderes; o esforzo inxente das arcas públicas para evitar a liquidación; a opción de ter agardado ata 2017; a obscena discriminación fronte a Bankia, etc. Todo iso pode ser recordado pero coido que non é o momento. Entre outras razóns porque as responsabilidades están moi distribuídas. Quen non falou, ou actuou, durante o proceso, agora mellor faría quedando calado. 
 
Galicia salvou a súa principal entidade financeira. Fíxose in extremis, no último segundo. A través da oferta dun banco venezolano con importantes conexións galegas. En séculos anteriores, os emigrantes construían escolas no país; a educación representaba o elemento clave para o futuro. Aquelas escolas dos indianos... Hoxe chéganos un investimento dende a emigración. 
 
A dun grupo bancario profesional, con clara visión estratéxica, con piares solventes e experiencia internacional probada, e fondo coñecemento do sector e das súas claves de competencia. Chegan con compromiso de permanencia, de proxecto de futuro, de plan de desenvolvemento. Serán claves para a recuperación dunha economía que precisaba dun gran estímulo. 
 
Agora toca facer as cousas ben. Non caben novos erros. E o primeiro, por moito que poida sorprender a algúns, ha ser o reorganización interna; a entidade pide a gritos unha renovación importante. Velaí unha das claves esenciais para o éxito do proxecto. En segundo lugar, é imprescindible recuperar a confianza do mercado nun banco cuxa imaxe sufriu o indicible nestes anos. Por suposto, indispensable tamén a implantación duns criterios de xestión que fagan do banco a entidade solvente e rendible que sempre debeu de ser. E por último, o plan estratéxico para a sólida expansión de Novagalicia cara a áreas de negocio de valor engadido. Nese camiño, talvez atopen socios galegos. Este País dispón de recursos financeiros non sempre prestos a contribuír á riqueza e ó progreso da súa economía. É moi probable que en pouco tempo poidan demostrar que a súa vontade mudou a prol do desenvolvemento da terra onde atesouraron as súas fortunas. 
 
Vivimos un momento estratéxico. Momento non para dividir senón para multiplicar. Precisamos da conciencia de todos a fin de aproveitar esta ocasión inesperada e gañada a pulso no ultimísimo instante. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego