Apuntan á Xunta pola morte dunha cría de cegoña protexida en Ourense: "deixáronas desamparadas"

Entidades ecoloxistas critican a actuación da administración e apuntan que non descartan recorrer a "instancias superiores".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Continúa a polémica polas cegoñas que aniñaron en guindastres da cidade de Ourense. Diversas entidades ecoloxistas veñen de cargar contra a Xunta de Galicia por ter deixado “desamparados” os exemplares de cegoña branca, algúns dos cales remataron falecendo, e piden que se tome nota dos “erros” cometidos nesta tempada de cría con vistas a mellorar para o ano que vén.

Cegoña sobre o seu niño nun guindastre en Ourense, a 12 de maio de 2021
Cegoña sobre o seu niño nun guindastre en Ourense, a 12 de maio de 2021 | Fonte: Ecoloxistas en Acción-Amigos das Cegoñas

A problemática deste episodio comezou cando diversas cegoñas brancas aniñaron na parte superior de varios guindastres situados na cidade auriense. Algúns destes guindastres pertencían a obras en execución, polo que debían moverse; cuestión que á súa vez, alertaron diversas asociacións ambientalistas, dificultaría moito que as crías de cegoña saíran adiante.

De aí que diversas plataformas, como Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción pediran deter a actividade nestas obras, demanda que chegou ata a Valedora do Pobo sen que tivese efecto. A consecuencia foi, precisamente, a que avanzaban os ecoloxistas: a morte da derradeira cría da parella que aniñara na estrutura da empresa Copasa, acaecida a mediados do pasado mes de xullo.

Nestas circunstancias, as asociacións antes sinaladas --ás que se une a Sociedade Galega de Historia Natural-- veñen de responsabilizar novamente á Xunta de Galicia pola súa “deficiente actuación” no tocante ás cartas tomadas no asunto por parte da Consellería de Medio Ambiente. Este sinalamento chega despois de que representantes das tres asociacións mantiveran encontros coa xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense, co xefe do Servizo do Patrimonio Natural e co axente ambiental.

ESPECIES PROTEXIDAS

A problemática das cegoñas brancas é que, como xa sinalou Galicia Confidencial, son aves salvagardadas pola lei ao considerarse especies protexidas. Neste aspecto, os ecoloxistas celebran que --segundo sosteñen-- a xefatura territorial de Medio Ambiente “recoñeza” a “falta de experiencia e a comisión de erros ante a nidificación das cegoñas na cidade”; e instan a “adoptar as medidas necesarias para evitar que se cometan de novo nas seguintes tempadas de aniñamento”.

Asimesmo, demandan coñecer con máis detalle cal foi o decurso das supostas neglixencias que derivaron na morte destes exemplares cativos de especie protexida. Así é que, apuntan os ecoloxistas, veñen de demandar copias de distintos informes vencellados ao caso, tales como o resultado da necropsia polo falecemento destes exemplares, os escritos de informes dos axentes medioambientais, copias das gravacións, fotos e outra documentación gráfica e o protocolo de actuación administración e a empresa privada onde aniñaban as cegoñas.

Ademais, as tres entidades subliñan que non descartan recorrer a instancias superiores da Xunta de Galicia --nomeando de xeito particular a Dirección Xeral do Patrimonio Natural--, para “facer valer” a lei do patrimonio natural e de biodiversidade do 2019.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta