O estraño caso da pesca do marraxo; riscos ecolóxicos, queima de peixe e liortas entre ministerios

Palangreiros guardeses avisaban hai unha semana do risco de queimar toneladas de marraxo conxelado por “cambios de criterio en Madrid”. A especie (Isurus oxyrinchus) entrou no catálogo CITES como unha especie a ter en conta para protexer. Isto trouxo unha serie de complicacións administrativas que obrigarían á destrución de parte dos stocks almacenados en Galicia.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/08/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Segundo Raúl García, biólogo mariño da WWF, hai dous portos no mundo que marcan o prezo do marraxo ou das diferentes especies de tiburón, Hong Kong e Vigo. “A Vigo chegan as descargas de marraxo da frota galega, que case é o 50% das capturas mundiais, Portugal, cun 15% e logo as que realiza Marrocos”. Este tráfico de marraxo en parte débese non só á descarga directa dos barcos senón tamén ao procedente de Marroco. Fontes do Porto Pesqueiro vigués aseguran que hai tempo que non se comercializa marraxo nas súas instalacións. Non obstante, a comercialización desta especie peláxica dentro da UE está batendo con dificultades para entrar na cadea de distribución e venda. Os motivos, unha nova recualificación da especie Isurus oxyrinchus, que entrou no apéndice II do catálogo de especies protexidas CITES.

Poxa de marraxos na lonxa de Vigo
Poxa de marraxos na lonxa de Vigo | Fonte: José Antonio Gil Martínez en Flickr.

A NOVA CATALOGACIÓN

O Convenio CITES (Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de fauna e flora silvestres) é un acordo internacional concertado entre os gobernos para asegurar que o comercio internacional de espécimes de animais e plantas salvaxes non ameace a súa supervivencia no seu medio natural. Dentro deste acordo hai tres catálogos: I, especies en perigo de extinción; II, especies en risco de entrar en perigo de extinción se non se controla o seu comercio e III, especies que se poden comercializar baixo control.

Recentemente o marraxo do Atlántico Norte entrou no catálogo II do CITES cando o ICCAT “detectou a sobreexplotación ou sobrepesca desta especie en 2017, isto motivou que se recomendase evitar a pesca do marraxo ou mesmo prohibila” indica Raúl García. A maioría de países implicados na captura no Atlántico Norte rexeitaron por completo prohibir ou mesmo evitar a  pesca. “Os gobernos aprobaron un plan polo que se se pesca un marraxo vivo hai que soltalo, se chega morto o barco pode quedar con el”.

Desde a inclusión desta especie no apéndice II de CITES e tal como sinalan desde a Asociación de Palangreiros da Guarda (ORPAGU) é preciso unha certificación específica para que poida comercializarse, non está prohibida a súa comercialización, só ten que ir amparada cunha certificación de Comercio que se ampara nun informe do Ministerio de Transición Ecolóxica, que é a autoridade científica competente en España”. A pesar de non estar prohibida a venda, existen stocks de marraxo almacenados sen poder circular.

Quenlla (marraxo dientuso) conxelado na lonxa de Vigo. CEPESCA
Quenlla (marraxo dientuso) conxelado na lonxa de Vigo. CEPESCA

Sobre este extremo, ORPAGU sinala a orixe destas retencións é que  “ao mesmo tempo que o Ministerio de Pesca permite pescar a especie, porque así o amparan os Organismos Rexionais de Ordenación Pesqueira, os outros dous Ministerios pronúncianse a destempo, cando xa as capturas están en destino”. É dicir, existe un atraso en canto documentación administrativa que podería invalidar a venda e mesmo podendo ser declarada ilegal.

RECUPERACIÓN E INTERESES

A recuperación do marraxo no Atlántico Norte “tería que pasar por unha inspección das capturas en cada barco, se non se fai cun inspector pode realizarse mediante cámaras, en tal caso os organismos internacionais querían rebaixar a mortandade da especie” destaca García. Para que isto fose adiante, os barcos galegos non poderían descargar en Galicia exemplares capturados fóra das augas da UE, sería comercio internacional e, segundo o apéndice II do CITES, sería ilegal.

Este sistema está controlando as cotas de pesca para cada barco? “Non hai cotas de pesca para esta especie, o que si hai é un límite, unha cota comercial. É dicir, puxeron un límite de canta cantidade se pode comercializar, pero non de canto se pode pescar” din desde ORPAGU. E como estas dúas cousas non van relacionadas paralelamente entre si “está creando moita confusión, porque unha cousa é o que podes pescar e outra o que podes comercializar”.

“Houbo un conflito de intereses entre o Ministerio de Agricultura (MAPA) e o de Transición Ecolóxica (MITECO)” apunta Raúl García. O conflicto está no desexo de armadores e empresas pesqueiras de comercializar e que recibirían o apoio do MAPA, fronte ás medidas que tome o MITECO, que como apuntaban os palangreiros da Guarda, son lentas.

A Consellería do Mar sinala como "un despropósito e un disparate que o Ministerio para a Transición Ecolóxica siga vetando a comercialización do marraxo". Admais, engade que sobre este punto xa se manifestaron en contra tanto "a Comisión Europea como un informe independente da Universidade de Santiago de Compostela que tacha de arbitraria e contraria ao ordenamento xurídico a prohibición da súa venda".

E mentres que ocorre co peixe almacenado? “Pois está tal como se fose marfíl confiscado” di García. A única saída para non cometer unha ilegalidade é a destrución do peixe almacenado mediante un proceso que ORPAGU describe así: “Almacénase nun frigorífico autorizado pola aduana e logo envíase nun transporte precintado, custodiado pola aduana a unha planta específica onde é incinerado ata a súa eliminación total. Todo este proceso debe ser verificado pola aduana”.

O departamento de Mar da Xunta de Galicia considera que toda esta situación "pon en risco seriamente á frota galega de palangre de superficie". A imposibilidade de comercializar as capturas de marraxo "afecta a máis de 130 buques de palangre de superficie galegos que dan emprego a máis de 850 tripulantes. Ademais, trátase dun sector que exporta, xunto coa industria asociada a el, preto de 125 millóns de euros ao ano".

O negocio da pesca de escualos no mundo é un negocio moi lucrativo, segundo un informe de WWF. Os mercados asiáticos son os grandes receptores deste peixe (sobre todo aleta de tiburón), así como países europeos onde se consome como “delicatessen”. Segundo o estudo, a cantidade que move esta industria por ano son 2.200 millóns de euros, con dous epicentros: Vigo e Hong Kong.

A comercialización do marraxo está nunha especie de punto morto, polo menos en España, debido aos condicionantes administrativos do Goberno central. Por outra parte, o risco de supervivencia da especie no Atlántico Norte fixo que algúns estados (a UE como un todo) iniciasen medidas no número de toneladas que se poden comercializar. Economicamente non se coñecen as consecuencias destas medidas polo momento para armadores e industria.

Marraxo
Marraxo | Fonte: Wikipedia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta