A CIG considera que o acordo asinado o xoves supón "afastar" a Navantia Ferrol da "súa función de estaleiro"

A CIG, ademais, interésase por que pasará en 2025, que é cando en principio finaliza a vixencia deste convenio a tres bandas. "Que tecnoloxía quedará en Fene cando se vaian as multinacionais?", cuestiona a central nacionalista.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2021 | Actualizada ás 20:17

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galega (CIG) de Navantia asegura que o acordo marco asinado este xoves entre o grupo naval público, Iberdrola e Windar confirma o proceso de transformación das instalacións de Fene nos últimos anos, "afastándoas da súa función de estaleiro" e "adaptándoas á actividade de empresas privadas", mediante investimentos e aluguer de terreos.

O sindicato recoñece que este proxecto suporá unha "importante carga de traballo para moitos traballadores e traballadoras", pero pregúntase "quen achega eses 36 millóns de investimento e en que proporción", en referencia á adaptación dunha nave no interior da factoría para fabricar as monopiles XXL para parques de eólica mariña.

A CIG, ademais, interésase por que pasará en 2025, que é cando en principio finaliza a vixencia deste convenio a tres bandas. "Que tecnoloxía quedará en Fene cando se vaian as multinacionais?", cuestiona a central nacionalista.

PRESENZA DOS PRESIDENTES DOS COMITÉS

Ademais, o sindicato criticou a actuación dos presidentes dos comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol, ambos de CC.OO., presenza da que, denuncia, "os comités en ningún momento fomos coñecedores".

Para a CIG, a presenza de Adela López e Emilio García no acto de onte "non fai máis que avalar a política tan agresiva con esta comarca" e, en todo caso, aféalles que non aproveitasen a ocasión para "reivindicar" a carga de traballo e os investimentos comprometidos.

"Moitos traballadores (da industria auxiliar) levan no paro un ano", lembra a central nacionalista, que incide en que dentro dos comités acordouse "acudir a eventos importantes na comarca" para chamar a atención sobre a situación do sector naval.

"Nun acto no que coinciden a ministra de Facenda e o presidente da Xunta", explica a CIG, "as dúas administracións que teñen sumida á comarca neste estado, nin sequera faise un comunicado lembrando as nosas reivindicacións.

Era o momento de reivindicar, non de moqueta", afirma antes de subliñar que o presidente do comité "non é un cargo sindical individual", polo que "asistir ou non a actos en representación do comité tampouco é unha decisión individual".

Navantia.
Navantia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta