“A fauna silvestre está saíndo dos seus refuxios ecolóxicos e perdendo o medo aos humanos”

O profesor Alejandro Martínez Abraín, da UDC, publica novas achegas sobre a crecente colonización por parte de animais salvaxes de espazos deseñados polos humanos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/07/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ver animais silvestres preto de núcleos urbanos ou mesmo introducíndose nestes non é algo inusitado. Puidémolo comprobar durante o confinamento no inicio da pandemia da covid-19, pero non só aparecen cando o humano desaparece das rúas. A aparición de distintas especies en áreas urbanizadas é cada vez máis habitual. Unha das causas parece ser o abandono do rural por parte dos seres humanos. Así o salienta unha nova achega científica na que se salienta que “a fauna silvestre selecciona hábitats antropóxenos [froito da acción do ser humano] como consecuencia ecolóxica do éxodo rural”.

Xabaril na estrada
Xabaril na estrada | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo.

A nova achega está asinada por Alejandro Martínez Abraín, profesor da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña; Xavier Ferrer, da Facultade of Bioloxía da Universitat de Barcelona; Juan Jiménez, do Servizo de Vida Silvestre da Generalitat Valenciana, e Ignacio C. Fernández Calvo, da Sociedad Española de Ornitología (SEO/BirdLife).

Os expertos consideran “desconcertante que a fauna silvestre seleccione hábitats antropóxenos malia a existencia de hábitats seminaturais aparentemente de boa calidade”

Os autores recordan que “un dos principais compoñentes do cambio global en todo o mundo é o aumento da urbanización do territorio”. Con todo, consideran “desconcertante que a fauna silvestre seleccione hábitats antropóxenos malia a existencia de hábitats seminaturais (modificados con menor intensidade) aparentemente de boa calidade”.

Aínda que recoñecen que “non existe unha explicación definitiva para este proceso”, algúns estudos apuntan que a colonización dos hábitats urbanos pode comezar por mor de procesos ecolóxicos que teñen lugar fóra das zonas urbanas, como consecuencia do éxodo rural.

Londra na lagoa da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo
Londra na lagoa da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo | Fonte: UVigo.

De feito, este aumento da presenza de animais silvestres en contornas urbanizadas viuse reflictido nun número crecente de traballos dedicados ao estudo do uso de hábitats ou paisaxes humanas por parte da fauna durante a última década, como salientan estes autores.

Para apoiar esta idea, recolleron unha serie de exemplos nos que diversas especies de fauna silvestre en España seleccionan varios tipos de hábitats  humanos (infraestruturas de transporte, zonas de acceso restrinxido, zonas urbanas en construción, cidades, encoros, canteiras e vertedoiros) por razóns asociadas ao despoboamento do rural.

“A fauna silvestre está a saír dos seus refuxios ecolóxicos e está a perder o medo aos humanos inofensivos das zonas urbanas”, destacan.

Segundo estes expertos, os mesodepredadores (predadores de rango medio no medio dun nivel trófico, que xeralmente se alimentan de animais máis pequenos) “están repuntando” pola “liberación” destes animais e “o cesamento da persecución humana”, á par que “a vexetación espontánea está a volver a colonizar os antigos hábitats agrícolas”.

Algunhas especies están a “desprazarse a zonas urbanas nas que atopan hábitats abertos, alimento e protección contra a depredación”

Estes factores estarían “obrigando” a algunhas especies a “desprazarse a zonas urbanas nas que atopan hábitats abertos, alimento asociado a estes hábitats e protección contra a depredación”, expoñen.

Este proceso de abandono do rural cren que “provocou a perda de hábitat aberto por invasión de arbustos e árbores” para algunhas especies, a súa “saída dos refuxios ecolóxicos”, “a perda de medo aos humanos” e a “liberación de mesopredadores, debido á falta de persecución humana directa da vida salvaxe”.

NAS ESTRADAS

Entre as especies nas que fixan a súa atención os expertos atópase o coello salvaxe (Oryctolagus cuniculus), unha presa que, lembran, é fundamental nalgúns ecosistemas, para a conservación dalgúns depredadores carismáticos en España e ameazados, como o lince ibérico (Lynx pardinus) e a aguia imperial ibérica (Aquila adalberti), as cales “dependen da dispoñibilidade de poboacións de coellos sans”, salientan.

Algunhas especies prosperaron “en lugares aparentemente de baixa calidade como as beiras de estradas e vías férreas ou as medianas de autoestradas, 

Malia que recoñecen esforzos para a súa repoboación nalgunhas áreas, sinalan a perda de hábitat debido á invasión de arbustos e árbores en terras agrícolas abertas, por mor do éxodo rural, como causa do descenso de poboación de coellos en áreas naturais nas últimas décadas, ao tempo que prosperaron nalgunhas áreas de influencia humana, “en lugares aparentemente de baixa calidade como as beiras de estradas e vías férreas ou as medianas de autoestradas, mesmo dentro de grandes cidades como Madrid”, apuntan.

Para estes expertos en ecoloxía, “dúas explicacións son posibles”. Por un lado, din, “as estradas valadas e as vías de alta velocidade proporcionan protección contra depredadores”; por outro, son zonas onde “medra a herba” e nas que os labores de mantemento para manter esas infraestruturas de comunicación libres de vexetación alta suponen unha “rutina” que “é aproveitada polos coellos para obter comida”.

“Outra especie animal normalmente asociada ás beiras das estradas en España é a cegoña branca (Ciconia ciconia)”, a cal “selecciona os postes metálicos dos sinais de tráfico e dos letreiros electrónicos dentro das autoestradas para colocar os seus niños (ás veces preto do tráfico) a pesar da abundancia de árbores nos arredores”, clarifican.

Na súa opinión, “as causas detrás desta selección de hábitats aparentemente pobres están probablemente relacionadas coa evitación de depredadores”.

AEROPORTOS

Aeroportos, aeródromos e outras zonas de exclusión humana son tamén áreas colonizadas por algunhas especies silvestres, por exemplo, algunhas aves, supoñendo unha ameaza para a seguridade da aviación.

Nos aeroportos españois identificáronse arredor de medio cento de especies de aves 

“Os aeroportos, sendo zonas abertas valadas, con baixa densidade de depredadores potenciais e presenza humana moi controlada, favorecen o establecemento de aves que aniñan no chan”, apuntan os autores.

Nos aeroportos españois identificáronse arredor de medio cento de especies de aves como o sisón (Tetrax tetrax), ou o pernileiro (Burhinus oedicnemus). A causa? “A depredación e a exclusión humana tamén fomentan o establecemento de aves migratorias e dispersoras, así como a presenza de niños de aves nos aeroportos”, comentan.

ÁREAS EN CONSTRUCIÓN

Moitas áreas urbanas en construción tamén foron ocupadas por fauna silvestre atípica destas zonas. Por exemplo, os investigadores sinalan a presenza en hábitats antrópicos de especies de aves acuáticas que aniñan no chan en humidais e campos dunares que “necesitan ampla visibilidade e baixa cuberta vexetal para evitar depredadores”.

Este é o caso do carrán pequeno (Sterna albifrons) ou da gaivota de Audouin (Ichthyaetus audouinii), “orixinalmente ligadas a deltas dos ríos, campos dunares, praias e marismas” e que, “sorprendentemente, nos últimos anos colonizaron peiraos portuarios, durante a súa construción e mesmo áreas industriais”, explican.

Arredor do 40% da poboación mundial de gaivotas de Audouin reprodúcese en zonas portuarias

Calculouse por exemplo, que arredor do 40% da poboación mundial de gaivotas de Audouin reprodúcese en zonas portuarias, á par que diminuíron as colonias en illotes.

Tamén a píllara pequena (Charadrius dubius) “aniñou con éxito en aparcadoiros, vertedoiros e parcelas durante as fases iniciais do desenvolvemento urbano”, apuntan os autores deste estudo, que salientan que, “paradoxalmente, as píllaras tiveron un comportamento moito peor nalgúns sitios especificamente restaurados para a especie polos conservacionistas que en áreas altamente modificadas” pola acción do ser humano, ocupando “durante varias tempadas” espazos dominados por cemento, formigón, pedra ou asfalto, ou mesmo tellados planos para anidar.

“Os tellados son facilmente empregados polas aves acuáticas como substitutos do hábitat orixinal para aniñar cando o hábitat dispoñible é de calidade inferior (por exemplo, hai un alto risco de depredación do niño). De feito, varias especies de carráns empregan tellados planos para aniñar en todo o mundo”, detallan os autores, que recordan que “en Europa, hai rexistros de carráns comúns (Sterna hirundo) que aniñan en tellados en Finlandia, Estonia, Reino Unido, Irlanda, Países Baixos e Francia”.

CIDADES

A presenza de fauna silvestre tamén aumentou nas cidades, que se converteron en “excelentes zonas de alimentación e cría de moitas especies de aves”, por exemplo.

O falcón peregrino foi observado en cidades galegas como Lugo, Vigo, Santiago de Compostela ou A Coruña

Entre a “longa lista de especies” que se asentaron nas urbes, salientan o “caso paradigmático” do falcón peregrino (Falco peregrinus), o cal “comezou a colonizar cidades xa no século XIX e agora está presente nunha gran cantidade de grandes urbes do mundo”, onde se detectou a súa presenza habitual para reproducirse ou alimentarse, segundo varios rexistros recollidos por estes expertos, incluídas cidades galegas como Lugo, Vigo, Santiago de Compostela ou A Coruña.

Mesmo as primeiras áreas de protección especial creadas en centros urbanos en España foron declaradas en novembro de 2020 para o lagarteiro das torres (Falco naumanni), como recordan estes autores.

ENCOROS

Os encoros tamén se converteron en espacios colonizados por moitas especies animais na península ibérica, como o mergullón cristado (Podiceps cristatus) ou as lontras (Lutra lutra), entre outras.

“Por exemplo, nas concas fluviais mediterráneas de España, os encoros con signos de presenza de lontra pasaron do 32% en 1994-1996 ao 77% en 2015-2016, mentres que a presenza confirmada nos ríos foi do 59% e 53% respectivamente, cun similar esforzo de mostraxe en ambos os períodos”, comparan os expertos.

“En 1984, non había rexistros de mergullón cristado en encoros do interior, pero en 2017, aproximadamente o 30% das parellas reprodutoras eran aves de encoros”

E na Comunidade Valenciana, a presenza do mergullón cristado “aumentou moito nos encoros do interior nas últimas décadas”. “En 1984, non había rexistros de mergullón cristado nos encoros do interior (a maior parte da poboación estaba presente nos humidais costeiros naturais), pero en 2017, aproximadamente o 30% das parellas reprodutoras da rexión eran aves de encoros”, poñen como exemplo.

No caso da aguia peixeira (Pandion haliaetus), os datos sinalan que a súa presenza nos encoros aumentou un 17%.

CANTEIRAS

Os expertos tamén poñen o foco nas canteiras, as cales están “intrínsecamente asociadas á destrución do hábitat” pero que, paradoxalmente, tamén “poden traer beneficios para a vida salvaxe”, xa que “xeran penedos artificiais” nos que se poden instalar algunhas especies. Este é, por exemplo, o caso dos corvos grandes (Corvus corax), unha especie que adoitaba aniñar en cantís costeiros e que comezou a abandonar os seus refuxios ecolóxicos costeiros para colonizar canteiras continentais, como detallan estes expertos en ecoloxía.

No norte da península ibérica observouse que o 73% das canteiras abandonadas e o 39% das canteiras activas estaban ocupadas por aves de 12 especies

Así, no norte da península ibérica observouse que o 73% das canteiras abandonadas e o 39% das canteiras activas estaban ocupadas por aves de 12 especies, incluíndo córvidos e rapaces diúrnas (tres especies) e rapaces nocturnas (catro especies). Esta colonización tamén tivo efectos paradoxais, xa que se informou de que “varios proxectos que abordaron a restauración ambiental das canteiras tiveron consecuencias negativas para a fauna” xa asentada, como exponen estes autores tras revisar a literatura científica.

VERTEDOIROS

Existen moitos rexistros da presenza de moitas especies en vertedoiros humanos: “Os pequenos vertedoiros empregáronse tradicionalmente nas zonas rurais españolas por rapaces, córvidos e cánidos (raposos e lobos), mentres que os grandes vertedoiros das cidades comezaron a ser utilizados en masa por gaivotas e outras especies de aves a partir dos anos setenta”, apuntan os autores do estudo.

Así, non é raro ver  buscando alimentos en vertedoiros humanos a especies como o miñato queimado (Milvus migrans) e o miñato real (Milvus milvus), a cegoña branca (Ciconia ciconia), a garza boieira (Bubulcus ibis) ou voitres leonados (Gyps fulvus) e negros (Aegypius monachus).

ÉXODO DO RURAL

Os investigadores recordan que en España “o éxodo rural comezou relativamente tarde no contexto europeo, hai unhas seis décadas” e “os seus efectos fanse evidentes só agora”, cando “o despoboamento humano das zonas rurais alterou radicalmente un statu quo que non experimentou cambios substanciais durante séculos, nin sequera milenios”.

“As consecuencias destes cambios inclúen o movemento de animais salvaxes fóra dos refuxios históricos aos que foron forzados polas actividades humanas rurais, a perda de medo aos humanos, o crecemento das poboacións de mesopredadores pola súa liberación (onde os humanos rurais eran o principal depredador) e de mamíferos herbívoros, así como a invasión de arbustos e árbores”, resumen os expertos.

Pero tamén salientan que “estes factores ecolóxicos non terían ter ningún efecto práctico se non fose polos cambios nas actitudes dos humanos modernos urbanos, que non perciben a fauna salvaxe como competidores ou inimigos e deixan de perseguir a fauna, un fito histórico notable”.

A perda de medo das especies silvestres aos humanos “é probablemente a condición máis relevante que permite o achegamento e a estreita convivencia con estes nas paisaxes humanas”

A isto, engaden, súmase a “protección involuntaria” da fauna contra a depredación “mediante o efecto espantallo” e a “multiplicación das oportunidades tróficas” polo papel que xogan os humanos como “xestores de grandes cantidades de enerxía exosomática” (a que proporciona iluminación, calefacción, refrixeración, subministro de agua, transporte, industria, etc.), e que “se traduce en grandes cantidades de excedentes de alimentos descartados”

Os investigadores cren que a perda de medo das especies silvestres aos humanos “é probablemente a condición máis relevante que permite o achegamento e a estreita convivencia con estes nas paisaxes humanas”. Con todo, recoñecen que é unha “condición moi probablemente necesaria, aínda que non suficiente”.

En resumo, suxiren que a colonización de ambientes urbanos pode verse como un proceso secuencial de dous pasos. O primeiro paso prodúcese “fóra do medio urbano e desencadéase como consecuencia ecolóxica do despoboamento humano das áreas rurais”, e o segundo paso prodúcese “dentro das paisaxes urbanas como resultado dun equilibrio de custos e beneficios da vida urbana”.

En opinión do profesor da UDC Alejandro Martínez Abraín, “o auxe das grandes cidades a raíz do éxodo rural amorteceu a presión que exerce o ser humano sobre a fauna silvestre, que se volveu máis intrépida e confiada”. E no contexto da pandemia de covid-19 e do confinamento, cre que a aparición de máis especies en contornas urbanizadas “puxo de manifesto un fenómeno que levaba décadas xestándose”.

Precisamente, a finais de 2020, Martínez Abraín e un grupo de colaboradores publicaron outro estudo sobre as consecuencias ecolóxicas do despoboamento humano das áreas rurais sobre a fauna no sur de Europa no que suxeriron “unha nova visión unificadora do conxunto de consecuencias que inclúe algúns procesos que normalmente se analizan como fenómenos separados”.

“Desenvolvemos un modelo conceptual provisional que relaciona o aumento da fauna salvaxe en hábitats antrópicos e o despoboamento humano das áreas rurais”, pola “crecente dificultade para sobrevivir e reproducirse” en áreas salvaxes debido á “liberación de mesopredadores e á perda de medo aos humanos, entre outros factores”, explican.

“En definitiva, nos dirigimos hacia un mundo reconciliado en cuanto a la relación entre ser humano y fauna salvaje, lo cual será beneficioso, pero también planteará nuevos retos”, como avanzou Martínez Abraín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta