A crise das empresas de arqueoloxía: sofren un descenso dun 63% na súa facturación pola pandemia

Tamén sufriron atrasos de ata cinco meses nos pagos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/07/2021 | Actualizada ás 21:27

Comparte esta noticia

As empresas galegas de arqueoloxía experimentaron un descenso do 63 por cento na súa facturación como consecuencia das restricións motivadas pola epidemia de Covid e, ademais, sufriron atrasos de ata cinco meses nos pagos.

Imaxe dos numerosos restos arqueolóxicos recollidos durante a intervención no Castro de Santa Lucía, en Astariz, no Concello de Castrelo de Miño
Imaxe dos numerosos restos arqueolóxicos recollidos durante a intervención no Castro de Santa Lucía, en Astariz, no Concello de Castrelo de Miño | Fonte: DUVI.

A situación do sector foi unha das áreas de traballo das xornadas "Arqueoloxía en pandemia" que, con motivo do día dedicado a esta disciplina profesional, se celebran ata este xoves no Pazo de Liñares, en Lalín.

Organizadas pola Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA) e a Deputación de Pontevedra, as sesións comezaron co relatorio do tesoureiro de AEGA, Israel Picón, que alertou sobre a preocupación do sector por "como se pode ver afectado o importante patrimonio arqueolóxico" formado por mámoas, petróglifos e outros xacementos "cos proxectos de parques eólicos que se están formulando".

Durante a inauguración das xornadas, a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, xustificou a elección do Pazo de Liñares --sede do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico impulsado polo organismo provincial que, ata mañá, celebra xornadas de "portas abertas"-- e a comarca do Deza por tratarse da zona onde "está localizado o maior número de xacementos da provincia".

Pola súa banda, o presidente de AEGA, Ángel Concheiro, destacou as expectativas de establecer unha "gran colaboración" coa Deputación de Pontevedra e suxeriu que o Pazo de Liñares se poida aproveitar "para almacenaxe e tratamento" de material arqueolóxico que, especialmente para pequenas empresas e autónomos, presenta "un gran déficit".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta