Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 15/08/2021 | Actualizada ás 12:00
Hai accións que, sen formar parte da nosa cotiandade, si que nos resultan absolutamente coñecidas por formar parte, en maior ou menor medida, da nosa experiencia vital. Unha delas pode ser a de vomitar, devolver, trousar, golsar ou golfar, que adoitamos interpretar como algo de carácter negativo e provocado por algún tipo de doenza, de sensación desagradable, de alimento en mal estado, de excesiva cantidade de alcol no organismo, etc.
Non resulta, pois, raro, que unha realidade tan consubstancial ó noso decorrer vital poida ser designada lingüisticamente tanto por medio de voces léxicas coma por medio de procedemento relacionados coa fraseoloxía, como imos ver deseguido:
Echar la papilla # la pota # la pastilla
{= [Normalmente utilizadas en contextos de uso non formais.] Vomitar, devolver, trousar, golsar, botar pola boca algo que estaba no estómago.}
Botar a mascada # a mula # a pota # os boches # a papa
Botar a a mula
Botar a pota
Botar os boches
Botar a papa
[E MAIS]:
Botar as alegrías fóra
● Tamén, nos máis dos contextos en que non está precedida pola perífrase ir + infinitivo:
Darlle[me, che...] volta o calleiro
● Tamén, basicamente para dar conta de que se vomita por mor da excesiva cantidade de alcol inxerida:
Botar os cadelos
Ex.: Algo le debió de sentar mal, que estuvo echando la papilla toda la noche.
Algo lle debeu sentar mal, que estivo a botar a mascada ‡ que estivo a botar a mula ‡ que estivo a botar a pota ‡ que estivo a botar os boches ‡ que estivo a botar a papa ‡ que estivo a botar as alegrías fóra ‡ que lle estivo a dar a volta o calleiro toda a noite.
Ex.: Después de tanto beber tuvo que ir al baño a echar la papilla. ¡Mira tú qué valentía!
Despois de tanto beber tivo que ir ó baño botar a mascada ‡ botar a mula ‡ botar a pota ‡ botar os boches ‡ botar a papa ‡ botar as alegrías fóra ‡ botar os cadelos. ¡Mira ti que grande eminencia!
● Tamén, non como solucións fraseolóxicas, senón léxicas:
Vomitar && Arrojar && Devolver && [E MESMO, PROBABLEMENTE ASOCIADA A REXISTROS MÁIS COLOQUIAIS OU FAMILIARES]: Potar
Vomitar && Devolver && Trousar && Golsar && Golfar && [E MESMO, PROBABLEMENTE ASOCIADA A REXISTROS MÁIS COLOQUIAIS OU FAMILIARES (e non recolleita actualmente no DRAG)]: Potear
NOTA:
As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- García García, Nuria: “Breve achega á fraseoloxía do Couto de Oíns (Arzúa)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 24, 2022, páxs. 167-183. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Groba Bouza, Fernando: “A cabalo regalado non se lle mira o dente. Compilación da fraseoloxía equina galega actual”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 317-372. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.