Acusan a unha mala xestión de Naturgy da seca do encoro de Salas

Ecoloxistas en Acción solicita á Confederación Hidrográfica do Miño Sil diferentes datos para comprobar se a seca do río é consecuencia dunha mala xestión das augas do embalse, o que provoca que se poña en risco a fauna e flora do río.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2021 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O encoro de Salas, en Muíños, debe garantir entre xullo e setembro un caudal de 0,26 m3, segundo sinalan dende Ecoloxistas en Acción. Porén, dende a asociación denuncian que a falta de caudal mínimo augas abaixo do encoro está poñendo en risco a flora e fauna que habita no río Salas.

Encoro de Salas
Encoro de Salas | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Ante esta situación, dende a organización solicitan á Confederación hidrográfica do Miño Sil os datos das estacións de aforo do encoro para comprobar se a situación na que se atopa o encoro se debe a unha xestión ilegal por parte da empresa concesionaria, Naturgy. Dende a asociación tamén queren contrastar se a empresa "busca beneficios a costa da biodiversidade que habita no río e as súas ribeiras",

"Aínda que se estivera a cumprir o caudal ecolóxico apelamos ás palabras do presidente da Confederación HMS que cuestionaba o que están facendo as hidroeléctricas respecto a súa responsabilidade ambiental", sinala a voceira de Ecoloxistas en Acción Ourense, Montse Valencia. 

Dende Ecoloxistas en Acción lembran que o Plan Hidrolóxico Miño-Sil está en exposixión pública ata decembro e que tendo en conta "a evidente falta de responsabilidade ambiental das concesionarias", solicitarán unha revisión. Piden, así, que se adecúe ao contido do plan respecto a un mellor cálculo e vixilancia dos caudais ecolóxicos. 

"O caudal ecolóxico debe manterse e, senon, o organismo de conca debe actuar e sancionar", apuntan dende a asociación. Por iso, solicitan que a revisión dos caudais sexa mensual e non trimestral para garantir a visa piscícola, así como a vexetación da ribeira. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta