Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/09/2021 | Actualizada ás 21:00
A organización "Ecoloxista en Acción Galiza" vén de sumarse ás entidades ecoloxistas que censuran a medida aprobada pola Xunta poa cal se libera a caza do xabarín en 200 concellos, sen cota de extracción e sen período de caza. A organización califica a decisión de "temeraria" e "anticientífica" e advirte que son "diversos os estudos científicos, algúns deles feitos en Galicia" os que asocian a siniestralidade nas vías de comunicación terrestre con especies cinexéticas. Así, o número de accidentes de tráfico con xabaríns ou corzos "aumentan no período de caza cando os animáis se ven desprazados fuxindo dos cazadores dende os seus territorios habituais". A organización reclama a instalación de pasos de fauna nos puntos de concentración de atropelos.
Segundo sinalan dende "Ecoloxista en Acción Galiza", ditos estudos aseguran que a resposta de especies como o xabarín perante á presión cinexética exercida polo ser humano é adiantar o período fertil das femias e aumentar a tasa de natalidade. Deste xeito un aumento da presión cinexética sobre o xabarín, lonxe de controlar a súa poboación, provoca un aumento da mesma.
Ademais, a entidade conservacionista pon o foco na seguridade do resto de usuarios dos montes galegos, e pregúntase se poderá a Xunta garantir a seguridade dos senderistas ou turistas cun período de caza extendido durante todo o ano. O voceiro de Ecoloxistas en Acción, Alberto Riveiro, considera tamén que a medida repercutirá negativamente en zonas de turismo interior como a Ribeira Sacra ou as serras orientais como Ancares, Courel ou Trevinca.
Doutra banda, a entidade di estar sorprendida de que a Xunta se opoña á protección do lobo anunciada polo Ministerio para este mes de setembro e ao mesmo tempo anuncie unha "suposta" superpoboación de xabarín e corzo, principais presas do lobo. "Para o control destas especies o máis doado, económico e seguro é protexer o lobo e non converter o monte galego nun campo de batalla entre o home e a fauna autóctona galega" sinalan dende a organización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.