Os xurros, unha bomba de contaminación da auga sen control en Galicia

As macrogranxas cárnicas industrias comezan a ser un problema medioambiental. A falta dunha política de depuración dos milleiros de toneladas de residuos pode provocar que se repitan episodios como os vividos en Santiago. “E o que aconteceu en Santiago é irrisorio en comparación co que pasa na Limia”, apunta os ecoloxistas que falan xa dunha auténtica e nova "burbulla" económica, a das macrogranxas, a punto de estoupar.

Por Xurxo Salgado | A limia | 14/09/2021 | Actualizada ás 22:28

Comparte esta noticia

O problema de contaminación da auga que vivíu Santiago de Compostela e outros concellos da área metropolitana esta fin de semana non é un feito illado. A contaminación de cursos fluviais por xurros –excrementos de orixe animal-- procedentes de granxas é algo que, por desgraza, comeza a ser moi común en Galicia. Unha auténtica bomba de contaminación que se propaga pola falal dunha verdadeira política de control medioambiental e, sobre todo, de depuración destes residuos.

Aviso de contaminación na desembocadura do río Eo tas a vertedura de xurros. GRUPO PARLAMENTARIO MIXTO
Aviso de contaminación na desembocadura do río Eo tas a vertedura de xurros. GRUPO PARLAMENTARIO MIXTO

E deste tipo de contaminacións saben ben na Limia. Alí levan anos loitando contra este veleno silencioso que acaba na auga, principalmente, polas explotacións porcinas que, principalmente, se foron instalando alí nos últimos anos. Os ecoloxistas apuntan a que se concentra preto do 50% de granxas industriais de porcos de Galicia nun territorio que non chega ao 8% da superficie de Galicia. Moitos porcos, entre 200.000 e 300.000, que tamén producen moita merda. Uns excrementos que, na maior parte dos casos non están tratados adecuadamente e acaban contaminando os acuíferos da zonas e tamén os embalses dos que se colle a auga para o consumo humano.

Precisamente, este verán houbo que pechar o encoro das Conchas, entre os concellos de Bande, Lobeira e Muíños, por níveis excesivos de nitratos e cianobacterias. Tamén se pechou a zona para o baño. O mesmo acontece co encoro de Gundín, que abastecía de auga a Xinzo da Limia. Hoxe, está pechado e cunha orde da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil de derrubo por ser xa inservible para o consumo humano debido á contaminación.

O DE SANTIAGO “IRRISIORIO” EN COMPARACIÓN COA LIMIA

“O que aconteceu en Santiago é irrisorio en comparación co que pasa na Limia”, di Manuel García, do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) que se amosa moi crítico coas promesas da Xunta e, sobre todo, coa picaresca das grandes explotacións para evitar tratar todo o xurro que xeran. “O que acontece con estas explotacións é unha auténtica burbulla, como a burbulla inmobiliaria. Levan anos inxectando cartos públicos sabendo o risco que hai con isto”, asegura. "Se a burbulla porcina estoupa millor para todos e para o ambiente pois reducíase a carga gandeira e como consecuencia o impacto ambiental que producen", engade.

Protesta de ambientalistas e políticos de En Marea e AGE Europa diante dun monte de xurro na Limia descargado por Coren
Protesta de ambientalistas e políticos de En Marea e AGE Europa diante dun monte de xurro na Limia descargado por Coren | Fonte: LS

De feito, a crise dos prezos do porcino pode levar a ruína a moitas destas granxas. E que vai pasar logo con ese xurro que quede abandonado?. “Este é un problema de sanidade pública que as administracións seguen financiando con axudas europeas”, di ao aclarar que non se financian negocios familiares, senón a grandes industrias.

A Limia, é xunto coa comarca de Rodeiro unha das que máis concentracións de granxas de porcos ten. Produce tres veces máis de xurro do que pode soportar ou reutilizar. O MEL apunta a 600.000 toneladas. “Algo que é imposible de tratar”, asegura. “Os excrementos dos polos si se poden reutilizar no campo. Teñen saída. Os agricultores utilízano como abono, pero o xurro dos porcos ou das vacas, non, e pode xerar un problema sanitario”, di Manuel García. Unha parte serve para estercar praderíos, e outro moito acaba en cursos fluviais, sen tratamento de ningún tipo. 

 

"Os xurros utilizados na doses  e no momento adecuado pode ser utilizado como fertilizante ,o malo é cando se ciscan en cantidades abusivas, sen ánimo de fertilizar, senon coa intencion de desfacerse dun residuo de forma barata e sen importar as consecuencias", di. "Estamos enton ante un verquido ilegal que pode contaminar seriamente recursos básicos como a auga, e, polo tanto, deberían ser perseguidos e sancionados...cousa que non se fai neste país por mor da presion que fai a industria cárnica sobre os politicos", engade.

PROBLEMÁTICA

Foi de tal calibre o problema que en 2019, o propio conselleiro do medio Rural tivo que reunirse con representantes de diferentes colectivos de agricultores, gandeiros, regadores e ecoloxistas da comarca da Limia para coñecer a problemática existente. O conselleiro comprometeuse a mellorar a xestión dos residuos xerados polas explotacións intensivas e as canles de drenaxe da zona -reclamos que veñen de lonxe por parte dos profesionais do sector e os grupos ecoloxistas-. Pero, ata o momento, pouco se ten avanzado.

O MEL denuncia esta falta de informacjón e critica que a Xunta non dea os datos das toneladas de excrementos que hai que tratar, nin número exacto de animais que hai .“Non entendo ese oscurantismo. Por que, a quen defenden?... Pois igual o sector cárnico, a pesar de que está demostrado que non produce traballo”, quéixase Manuel García.

A Xunta aduce que “non é posible facilitar copia dos expedientes solicitados porque conteñen datos confidenciais de carácter persoal que están protexidos segundo o establecido na letra f) do artigo 13 da Lei 27/2006”. Nunha recente resposta á MEL á que tivo acceso GC, a Consellería do Medio Rural recoñece que deu axudas ao sector cárnico "cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020”.

Así, o número total de plans de mellora pasou na Limia de 4 en 2011 a 35 no 2020, e na Baixa Limia de 1 a 6. Os expedientes con construción de novas naves gandeiras pasou de 1 en 2011 na Limia a 9 en 2020 e  e 0 a 4 na Baixa Limia. Pola súa banda, os expedientes con reforma de naves gandeiras para a súa posta en produción, no que se inclúen plans de mellora e incorporación de mozos, pasaron de 2 en 2016 a 1 en 2020, na Limia e de 0 a 2.

Con todo, chama a atención a información sobre o número de explotacións porcinas que, segundo a Xunta, pasaron de 312 na Baixa limia a 176 e na Limia de 253 a 257 desde 2011 a 2020. “Esa cifra non reflexa a realidade”, di Manuel García que asegura que o que pasou é que as grandes industrias cárnicas se fixeron cos dereitos de pequenas explotacións. Estamos falando de explotacións con milleiros de porcos, cando antes podiamos estar falando dunha explotación familiar de dez, vinte ou 50 porcos”, apunta.

Pozo de xurro
Pozo de xurro | Fonte: Campo Galego
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta