Feijóo e Pedro Puy perden unha votación no Parlamento por entrar tarde á sala

Non puideron participar no sufraxio, no que o PP rexeitou unha iniciativa popular para consolidar o emprego público.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2021 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

A votación dunha iniciativa lexislativa popular en defensa da consolidación do emprego público, rexeitada con 39 votos en contra do PPdeG, suscitou a polémica na Cámara e xerou as queixas da oposición ao entrar o presidente, Alberto Núñez Feijóo, e o portavoz do grupo maioritario, Pedro Puy, unha vez que xa fora ordenada polo xefe do Lexislativo, Miguel Santalices.

O artigo 85 do regulamento do Parlamento recolle que as votacións "non poderán interromperse por causa algunha". Engade que durante o desenvolvemento dunha delas, a Presidencia non concederá o uso da palabra e "ningún deputado poderá entrar no salón nin abandonalo salvo caso de forza maior e coa venia da Presidencia".

Así, as queixas producíronse con especial intensidade por parte do Grupo Socialista, verbalizadas por Pablo Arangüena, mentres que Miguel Santalices xustificou que se manteñan as portas abertas durante as votacións debido á situación da pandemia do coronavirus --do mesmo xeito que ocorre coas da tribuna, onde este martes volveu haber convidados á primeira hora--.

"Se non, saben vostedes que as mando pechar de inmediato", continuou Santalices, quen aclarou, en todo caso, que nin o presidente galego nin o portavoz podían participar na votación. "Pero eu non vou impedir a ninguén que entre e sente", esgrimiu. Finalmente, a votación levouse adiante e a iniciativa foi rexeitada pola maioría popular, xa que un total de 39 deputados dixeron 'non'. Tanto o presidente como o portavoz seguírona desde o seu escano, pero non participaron na mesma seguindo a directriz do xefe do Lexislativo.

Pleno do Parlamento de Galicia durante a sesión de control ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo / Xunta. / Europa Press
Pleno do Parlamento de Galicia durante a sesión de control ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo / Xunta. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta