As películas 'Malencolía' e 'Eles transportan a morte', gañadoras do Premio Xacobeo do Ourense Filme Festival

A Calpurnia a Mellor película foi para 'Playground', unha longametraxe belga.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2021 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

A vixésimo sexta edición do Ourense Filme Festival deu a coñecer o seu palmarés, no que figuran as películas 'Malencolía' e 'Eles transportan a morte' como gañadoras do Premio Xacobeo, outorgado pola comisión mixta entre a organización do certame e a Xunta de Galicia.

O xurado do concurso de longametraxes composto por Iván Trujillo, Paula Cons, Patricia Roda, Manane Rodríguez e Carlos Amaral acordaron outorgar a Calpurnia a Mellor película a 'Playground', unha longametraxe belga da directora Laura Wandel quen, ademais, levouse o premio Cima-Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais a mellor directora.

O premio da Fundación Carlos Velo a mellor dirección foi para Ferit Karahan por 'Mi mejor amigo', unha longametraxe turca-romanés en estilo documental que mestura o drama e o filme policial. O galardón na Categoría Especial do xurado foi para 'Uzi' de Pepe Valle, mentres que o de Mellor Interpretación para Sofía Kappel pola longametraxe sueca 'Pleasure' e o Premio a Mellor Guión para a película 'Listen', coprodución entre Portugal e Reino Unido.

En canto ao Premio Xacobeo --dotado con 12.000 euros--, a organización do festival e a Xunta decidiu outorgalo ex-aequo a 'Malencolía' e 'Eles transportan a morte' por "responder a maneiras de produción diferentes" e por ser rodadas na súa totalidade ou parcialmente na provincia.

No caso de Malencolía, do cineasta Alfonso Zarauza a través da produtora Maruxiña, destacaron que desenvolve unha historia "moi apegada á antropoloxía do país" empregando como medio unha parella que retorna da emigración para unha catarse persoal e "a partir de aí é capaz de incluír a truculencia dos xéneros de fantasía e de terror".

Sobre 'Eles transportan a morte' dos debutantes Helena Girón e Samuel Delgado coa produtora Filmika Galaika, o xurado resalta que se trata dunha "trama ambientada no cume do século XV que alterna a narrativa co uso do son e a imaxe en clave experimental".

Presentación do palmarés do Ourense Filme Festival 2021. OUFF
Presentación do palmarés do Ourense Filme Festival 2021. OUFF | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta