Santiago suma outro xoves nocturno de desaloxos en saídas de discotecas, pero "con menos xente"

A Policía Local interveu en reunións que suman máis de 700 persoas, aínda que o alcalde destaca que "se disolveron sen grandes problemas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2021 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

Santiago volveu a vivir varios desaloxos ás saídas de discotecas no primeiro xoves nocturno que estes locais puideron abrir ata as 4,00 da madrugada. En total, de acordo con cifras da Policía Local, houbo que intervir en aglomeracións en diferentes puntos da cidade que en total sumaron máis de 750 persoas.

Con todo, segundo destacou nunha rolda de prensa este venres o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, estes xentíos contaron con "menos xente" que en semanas anteriores. "Os grupos disolvéronse sen grandes problemas", resumiu.

De feito, segundo confirmou o rexedor compostelán e reflíctese no parte de incidencias da Policía Local, non houbo conflitos do calibre de pelexas, danos materiais ou cargas policiais, como si ocorreu en xoves pasados.

En canto ás aglomeracións, o recompilatorio de incidentes do Concello recolle unha acumulación dunhas 500 persoas na contorna das rúas Alfredo Brañas e República do Salvador, cando ás 4,00 da mañá os mozos saían de dous locais de lecer nocturno. A maiores, os axentes locais, en colaboración coa Policía Nacional e a Policía Autonómica, tiveron que intervir na contorna de Praza Roxa para desaloxar a unhas 200 persoas.

Así mesmo, pasadas as 4,00 horas, rexistráronse máis aglomeracións na zona de Curros Enríquez e na Praza de San Bieito, cunhas 50 persoas.

De igual modo, a Policía Local recibiu un total de 10 avisos por festas en pisos e identificou por ouriñar na rúa a unha persoa na rúa de San Lourenzo, dez minutos despois da medianoite. Ademais, pouco antes das 6,00 da mañá, identificouse e propuxo para sanción a un individuo en Praza Roxa por gritar na vía pública.

Os axentes tamén prestaron auxilio, sobre a 1,10 da madrugada en Carreira do Conde, a un menor de idade que presentaba "unha forte intoxicación etílica". Foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) en ambulancia despois de que os feitos fosen postos en coñecemento da súa familia.

Axentes de policía vixían as aglomeracións de grupos de mozos na vía pública de Santiago de Compostela / César Arxina - Europa Press / Europa Press
Axentes de policía vixían as aglomeracións de grupos de mozos na vía pública de Santiago de Compostela / César Arxina - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta