Recta final do FIOT 2021 con programación moi atractiva para esta fin de semana

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achégase ao seu final. Para non perder esta fin de semana: ‘Othello’ de Voadora, e as derradeiras funcións gratuítas do FIOT Fónico e do certame Metro Cadrado.

Por X.M. Fernández | Carballo | 23/10/2021 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Encamiñando o remate do FIOT, o Pazo da Cultura de Carballo acolleu o 22 de outubro a estrea en Galicia de “Solo un metro de distancia”, de Serena Producciones. A peza, escrita e dirixida por Antonio C. Guijosa, puxo o foco no abuso sexual infantil. Catro actrices desdóbraronse para amosarnos a distancia entre o ser que sofre e o que observa, como convivimos co dano, como somos as súas testemuñas e a incapacidade de entendernos a nós mesmos ou aos demais. Tras un labor intenso de investigación e documentación, Guijosa escribiu unha obra moi conmovedora sen renunciar á delicadeza, argumentos dabondo para ser finalista este ano aos Premios Max como Mellor Autoría Revelación.

Santi Romay no FIOT Fónico. Foto: FIOT
Santi Romay no FIOT Fónico. Foto: FIOT

Este sábado 23 pódese asistir ao pase de Othello, de Voadora, obra da que deu conta Galicia Confidencial recentemente. Está programada para ás 18:30 h. no Pazo da Cultura de Carballo.  

E xa de cara ao domingo 24, na Feira da localidade, poderase gozar dunha interesante actividade de rúa, O Cego na feira:cantares de cego.

FIOT Fónico

O FIOT ofrecerá tamén, de xeito gratuíto, as últimas funcións dos dous espectáculos do FIOT Fónico dos que o público pode gozar nesta edición a través dos dispositivos móbiles: O espello que arde, con dobre función de venres a domingo, e a A lúa, válvula de spray.  Ambas pezas, producidas polo FIOT en colaboración con Lidis, propoñen a introdución do espazo urbano na creación escénica mediante o apoio das ferramentas tecnolóxicas. Así, se no 2020 A lúa, válvula de spray, tiña como escenografía os murais de Carballo, neste 2021 O espello que arde introduce as rúas da localidade nunha historia policíaca para que o público percorra, co seu teléfono móbil, a reconstrución dun misterioso asasinato.

Momento da obra 'Sólo un metro de distancia'. Foto: FIOT
Momento da obra 'Sólo un metro de distancia'. Foto: FIOT

Estas dúas propostas do FIOT Fónico pódense descargar da aplicación Carballo a un paso. No caso de O espello que arde, o público deberá participar nunha das funcións acompañado por membros da organización (sábado 23 ás 19 e as 20h, e domingo 24 ás 13 e ás 19h), previa inscrición (gratuíta no correo fiot.fiotfonico@gmail.com), mentres que no caso de A lúa, válvula de spray, a peza estará a libre disposición da veciñanza para o seu goce a calquera hora e até este domingo 24. 

METRO CADRADO

O sábado 23 desenvolverase tamén, no Parque do Anllóns, a terceira e derradeira xornada da V edición do Certame Metro Cadrado, que desta quenda ofrecerá as estreas absolutas de dúas pezas de teatro de pequeno formato creadas especificamente para o lugar no que se representarán: A miña casa é un palco de música, de Sara Guerrero, e Oldplay, de Antón Coucheiro. Mentres que a primeira peza terá lugar no palco de música, a segunda será na no parque infantil.

Na proposta A miña casa é un palco de música, a intérprete reconstrúe a historia da personaxe protagonista mediante relatos familiares vinculados a este espazo. No caso de Oldplay, falamos dunha creación de autoteatro, un dispositivo escénico deseñado para que sexa o público quen actúa. Así, as persoas participantes na función, recibirán unha serie de instrucións precisas a través dos seus dispositivos. Cando comece o xogo, terán que tomar decisións, realizar certas accións, interactuar entre eles e vivir a experiencia. As dúas pezas terán funcións ás ás 12:30, 13:30, 18:00 e 19:00 horas e son abertas á cidadanía. Para asistir, a organización recomenda realizar, previamente, unha reserva a través do correo fiot.microteatroentrada@gmail.com.

EXPOSICIÓNS

Ademais de toda a actividade escénica, o público pode visitar toda a fin de semana no Pazo de Cultura dúas mostras que dan boa conta da identidade e do compromiso coas artes escénicas do Festival Internacional Outono de Teatro: a exposición 30 fitos do FIOT, un percorrido informativo e emocional polas tres décadas de traxectoria do certame, e Zoom FIOT 2019, unha exhibición de fotografía que recolle esas escenas que o público non ve detrás do pano e que tamén forman parte do FIOT.

CERTAME ESCOLAR

Esta semana o FIOT comezará a publicar, na súa canle de Youtube, os vídeos do alumnado participante na nova edición do XX Concurso Escolar Teatro Lido Xosé Manuel Eirís. Nos vindeiros días un xurado integrado por persoas do mundo das artes escénicas, educación e radio, fará unha primeira deliberación, da que sairán as propostas finalistas do certame. Estes grupos gravarán a súa lectura dramática en estudio de radio e deles sairá o gañador.

Os premios entregaranse o 14 de novembro nunha gala que terá lugar no Pazo da Cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta