‘Othello’, dirixida por Marta Pazos, presente no FIOT

A compañía de teatro de vangarda Voadora leva á escena a montaxe teatral Othello. A peza, dirixida por Marta Pazos, poderá verse no Auditorio Mar de Vigo e no Festival Internacional de Teatro de Carballo (FIOT) os días 22 e 23 de outubro respectivamente.

Por X.M. Fernández | Carballo | 20/10/2021 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

Othello é a terceira montaxe de Shakespeare que aborda Voadora, nunha visión transgresora, celebrada por público e crítica desde a súa estrea absoluta en Madrid o pasado mes de maio. A adaptación do libreto, asinada polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde, está atravesada pola posverdade e as violencias machistas. Tamén, tal e como é habitual nas propostas de Pazos, a hibridación de linguaxes e a plástica terán especial protagonismo na escena. 

'Othello'. Foto: Prensa FIOT
'Othello'. Foto: Prensa FIOT

O espectáculo, unha coprodución de Voadora coa MIT Ribadavia, o Teatro de La Abadía e o Nacional São João de Porto, pretende poñer o foco nas personaxes femininas da traxedia. A actriz María Vázquez introducirase na pel de Desdémona, acompañada sobre as táboas polos intérpretes Ángel Burgos, Ana Esmith (Miss Beige), Chumo Mata, Hugo Torres e Joaquín Abella. 

Tal e como indica Marta Pazos, “desde a súa estrea, Othello contou con múltiples interpretacións, dando pé a numerosas percepcións culturais, tanto de raza como de xénero. Desde Voadora queriamos facer unha adaptación que nos permitise pasar tempo no universo das mulleres e abrir un espazo para elas”.

CUESTIÓNS A DEBATE

A partir do texto de Epelde, a compañía propón un debate arredor de cuestións como a construción do xénero e da identidade, a percepción individual ou a conformación e estrutura do sistema patriarcal. Para isto, Marta Pazos despoxa as personaxes da súa pel e do seu xénero, coa intención de conectar “coa súa máis pura esencia e o seu máis profundo conflito”.

A comedia funciona como xeradora de discurso

Na súa adaptación do clásico, a directora Marta Pazos propón atacar a crudeza do Othello desde a pulsión xerada por binomios como a verdade e a mentira ou o público e o íntimo. A comedia funciona como xeradora de discurso. “A comedia é implacable. É o espazo para dicir a verdade máis rotunda”, asevera. Con ela, Pazos “ataca con crudeza” a “dor” que lle produce a historia de violencia machista do Othello. Neste sentido, a directora lembra que, na peza, unha muller (Desdémona) morre asasinada nunha acotación. “Queremos deter o tempo xusto en ‘Non hai tempo, é tarde (estrangúlaa)’ e volver sobre os pasos da historia para entender como chegou ata ese punto”

TRABALLO DE INVESTIGACIÓN SOBRE AS VIOLENCIAS MACHISTAS

A montaxe de Voadora nace dun lugar periférico, “desde o que investigamos os patróns de conduta machista do texto orixinal”, sinala a directora artística. Durante o confinamento de 2020, a compañía realizou unha fonda investigación sobre as violencias machistas, as relacións de poder e a presenza de novas falsas (fake news) na vida cotiá. Ao longo de distintas sesións, Voadora compartiu experiencias tanto con axentes profesionais do ámbito da comunicación coma do ámbito das cuestións de xénero (educadoras sociais, traballadoras da liña telefónica 016 ou terapeutas, entre outras). 

A obra poderá verse o sábado 23 de outubro dentro da programación do FIOT de Carballo ás 20:30 h. no Pazo da Cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta