Unha lectura continuada do 'Scórpio' para honrar a Carvalho Calero en diferido

O acto, que segue aberto a novos participantes, contará coas fillas do escritor, cargos da Xunta, do Concello de Santiago e de distintos partidos políticos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2021 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Scórpio, a gran obra do mestre das teses reintegracionistas, Ricardo Carvalho Calero, terá a súa lectura "continuada" un ano despois da celebración das Letras Galegas máis atípicas que se recordan. O acto correrá ao cargo do Portal Galego da Lingua (PGL) e a AGAL, comezando este domingo coas fillas de Carvalho, seguidas do reitor da USC e do Secretario Xeral de Política Língüística Valentín García

Ricardo Carvalho Calero. XUNTA - Arquivo
Ricardo Carvalho Calero. XUNTA - Arquivo

As plataformas convocantes explican que a lectura, prevista para o 31 de outubro de 2020, foi suspendida debido ao peche perimetral das cidades galegas pola situación pandémica. Tras estudar as circunstancias sanitarias actuais, a asociación decidiu que era o momento de realizar a homenaxe e garante que o desenvolvemento da mesma terá lugar "con toda a seguridade" para as persoas que decidan prestar tributo ao gran pensador do reintegracionismo.

O acto dará seguimento á lectura en vídeo realizada o ano pasado para eludir a pandemia, e proxectarase no Salón Nobre da USC entre as 9h e as 12h. A continuación, no mesmo espazo, lerán os 250 lectores e lectoras restantes, desde as 12h da mañá ás 8h30 da noite, aproximadamente. Como o ano pasado, as primeiras lecturas físicas están reservadas á familia do autor (fillas e netos) e ás autoridades políticas e académicas, como o reitor da USC Antonio López e o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García. Xunto coa AGAL e coa Universidade de Santiago de Compostela, que cederá o espazo para levar adiante o evento, colaboran no desenvolvemento do mesmo a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago de Compostela, e, de forma moi destacada a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Entre os lectores anotados neste momento encóntranse outros destacados cargos políticos, como Anxo Lorenzo, Director Xeral de Cultura, Maria del Carmen Martínez Ínsua, Directora Xeral do Patrimonio Cultural; líderes locais como Goretti Sanmartín (BNG), Mercedes Rosón (PSOE) e Borja Verea (PP) e deputadas  e deputados como Paulo Prado (PP), Noa Díaz (PSOE) ou Néstor Rego (BNG). Quen queira participar está a tempo de se unir neste formulario. Os participantes na lectura continuada obterán de premio un exemplar numerado da edición limitada do Scórpio, editado con debuxos de cada un dos narradores realizados por Rosa de Cabanas ex professo para a Lectura Continuada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta