Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2021 | Actualizada ás 14:32
O Museo de Pontevedra vístese de negro este mes de novembro nunha actividade relacionada co mes dos defuntos. Segundo apuntan dende a Deputación provincial, o lugar acollerá percorridos guiados polos seus fondos que, baixo o título ‘Como te ves, eu vinme, como me ves, ti veraste’, afondarán en diferentes aspectos relacionados coa morte e os rituais que a rodean na arte, desde os enterramentos do Neolítico ata os costumes do século XIX.
O departamento de Educación do Museo de Pontevedra propón así un percorrido polos edificios Sarmiento e Castelao no que se falará sobre diferentes perspectivas coas que as e os artistas foron abordando a morte nas diferentes épocas da historia da humanidade. A primeira parada, destaca a entidade provincial, será no Edificio Sarmiento, na sala 1, onde comeza o percorrido falando dun dos fenómenos mais característicos da prehistoria galega, os monumentos funerarios do megalitismo.
Posteriormente pasarase a explicar a tradición dos enterramentos en época romana abondando información sobre as estelas de Vilar de Sarria e a Estela de Cornelio Cressimo, para rematar cos enterramentos procedentes do xacemento de A Lanzada. Xa no Edificio Castelao, na planta primeira, falarase dos enterramentos durante a Idade Media e o seu cambio respecto das inhumacións de época romana, co exemplo do Sepulcro de Suero Gomez de Soutomaior e as laudas gremiais; pasarase á sala do século XIX para poñer dous exemplos de tratamento da morte coas miniaturas do ‘Retrato de señora con pita’ e cinco miniaturas en estoxo de daguerrotipo.
CITA PREVIA
O broche final arrincará na sala de Goya, ante a pantalla, para ver dixitalizadas as catro series dos seus gravados, explicando unha das láminas da serie de Os Caprichos. O peche do percorrido realizarase na sala oito, abordando a Xeración Doente. Os percorridos ‘de defuntos’ realizaranse os martes 2, 16 e 30 de novembro ás 18:00 horas. Será necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.