Vítimas do amianto reclaman a posta en marcha dun "fondo de indemnización"

O presidente da Asociación Galega de Vítimas do Amianto denunciou as "trabas" ás que, "día a día" teñen que facer fronte as persoas afectadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2021 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

O presidente da Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA), Xuán Xosé Pita, reclamou a posta en marcha dun "fondo de indemnización para as vítimas do amianto" e denunciou as "trabas" ás que, "día a día", teñen que facer fronte as persoas afectadas. Así se pronunciou en declaracións aos medios durante a súa participación nunha concentración secundada polos integrantes desta asociación ante a porta principal do estaleiro de Navantia en Ferrol.

Na protesta, que se realizou á mesma hora ante o Congreso dos Deputados e diante da sede doutras empresas, recibiron o apoio dalgúns dos traballadores da empresa naval pública e dos operarios da industria auxiliar. "En moitos centros de traballo nos que padecemos o contacto co amianto nin sequera se cumpriu coa lexislación mínima do momento, coa complicidade de gobernos, Inspección de traballo e empresarios", detallou Pita, ao mesmo tempo que incidiu en que "esas consecuencias se reflicten hoxe no sufrimento e mesmo na morte de moitos compañeiros".

O presidente de Agavida sostivo que, "en varios países de Europa, xa existen fondos como os que eles reclaman", uns instrumentos que "supoñen evitar eses percorridos interminables polos tribunais, con resultados moitas veces incertos". Xuán Xosé Pita tamén reclamou unha resposta inmediata do Goberno a todas as súas problemáticas e aproveitou este acto para "lembrar a todos os compañeiros que perderon a súa vida por culpa deste maldito produto".

Concentración ante a entrada de Navantia Ferrol
Concentración ante a entrada de Navantia Ferrol | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta