Adega cifra en "200 campos de fútbol" o eucalipto plantado ilegalmente nos últimos meses

Volven xurdir denuncias de plantacións feitas ás costas da moratoria da Xunta de Galicia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/11/2021 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza segue a denunciar a moratoria da Xunta de Galicia ao eucalipto, que entrou en vigor semanas atrás a pesar de ter sido anunciada varios meses antes. Dende ADEGA volven apuntar a plantacións ilegais desta especie pirófita e alóctona que, por riba, virían acompañadas de novas patrocinadas polas pasteiras para limpar a imaxe das plantacións.

Arquivo - Arboles de eucaliptos. ENCE - Arquivo
Arquivo - Arboles de eucaliptos. ENCE - Arquivo

O derradeiro caso de incumprimento da moratoria da Xunta de Galicia tería tido lugar no concello de Sobrado dos Monxes. Alí, e sempre de acordo coa asociación, uns particulares procederon a rozar unha matogueira "ben conservada" para facer sucos na terra e instalar una nova plantación de eucalipto. Non moi lonxe da zona, denuncian tamén que unha zona protexida pola UE foi "salvaxemente rozada, drenada e plantada con eucalipto en plena vixencia da moratoria do eucalipto", subliñan.

"Esta hectárea de brañas debería ser obxecto de axudas para a conservación, segundo o artigo 11 da Lei 5/2019, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia", destacan nunha publicación da que conclúen que a administración galega non fai "todo o posíbel" para conservar os hábitats prioritarios. Algo semellante acontece coas rozas de matogueira que están a ter lugar nas proximidades do Camiño de Santiago.

200 CAMPOS DE FÚTBOL

Dende ADEGA engaden que, simultaneamente, as pasteiras estatais estarían a aproveitar a conxuntura da COP26 de Escocia para publicar en prensa contidos "moitas veces patrocinados" que, segundo destacan, "veñen dicir que o eucalipto fixa carbono e contribúe a mitigar o cambio climático". "Se queren falar das plantacións de eucalipto en Galiza esquecen todo o CO2 que se libera cando se leva a maquinaria ao monte e cando se roza-labra-planta o monte", apuntan.

Mentres todo isto ocorre, o monte galego segue inzándose de eucaliptos. Tantos, que ADEGA xa certificou unha extensión mínima equivalente a 200 campos de fútbol os eucaliptais plantados ilegalmente desde o final da moratoria. "En resumo, que se nos fale de que hai a día de hoxe unha moratoria para as plantacións novas de eucalipto é algo rotundamente falso. O que hai é un branqueo da eucaliptización sen ningún tipo de vergoña", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta