José Ortigueira: "as heroínas e anfitrións do Camiño de Inverno pódense extrapolar a calquera dos camiños"

O impulsor do proxecto 'Camiño de Inverno: de Ponferrada a Compostela' reivindica o labor das persoas que fan posible o Camiño de Santiago nunha iniciativa que presta especial atención á economía rural e social. Vén de ser recoñecido como socio de honra da asociación Alumni USC. Falamos con José Ortigueira.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Coincidindo co ano de oficialización da ruta e logo de percorrer outras moitas sendas, no 2016 a Asociación de antigos alumnos e alumnas, amigos e amigas da USC decidiu realizar o Camiño de Inverno. E froito da experiencia xurdiu unha idea: poñer en valor, no centro, as persoas que fan posible que a ruta que transcorre polas catro provincias galegas siga existindo. Un proxecto pensado para dar ás heroínas e anfitrións do Camiño de Inverno o lugar que merecen. Para outorgar o protagonismo ás persoas que albergan, mostran ou dan de comer ás persoas que emprenden a viaxe cara Compostela. Unha iniciativa sobre lugares únicos e heroínas e anfitrións que son "extrapolables ao resto dos camiños".

O club de sendeirismo de Alumni USC na Ponte Ulla, a piques de rematar por segunda vez o Camiño de Inverno
O club de sendeirismo de Alumni USC na Ponte Ulla, a piques de rematar por segunda vez o Camiño de Inverno | Fonte: Alumni USC

O resultado son as 50 fotografías que compoñen a exposición 'Camiño de Inverno: de Ponferrada a Compostela' e unha publicación que recolle as instantáneas da mostra, que conta tamén con catro paneis. Un deles dedicado aos protagonistas do Camiño, outro aos camiñantes da senda, un terceiro ao Museo Pazo de Arxeriz e un cuarto sobre a zona sur do Xeoparque Montañas do Courel que dá conta dos seus recursos patrimoniais.

En principio rematado o proxecto, a exposición estivo ata en tres ocasións en Santiago e tamén en Monforte e en Lugo. En febreiro de 2022 faranse dous anos dende que se inaugurou a primeira das exposicións, nas que pezas do Museo Etnográfico de Quiroga e do de Arxeriz acompañaron ás fotografías, a maioría delas recentes. Porque ademais de realizar o Camiño de Inverno no 2016, a asociación Alumni USC fixo a senda entre o 2020 e o 21, con atrancos debido á situación sanitaria.

O proxecto foi financiado nun 70% na convocatoria 'O teu Xacobeo' e conseguiu tamén finaciamento do grupo OCA Hotels, La Galiciana e o Consello Social da Universidade. Colaboraron tamén a Deputación de Lugo e os concellos de Monforte e Quiroga, ademais dos museos.Trátase polo tanto dunha iniciativa público- privada, un modelo que o comisario da exposición José Ortigueira dende como ferramenta para a dinamización do rural. 

José Ortigueira, impulsor de 'Camiño de Inverno: de Ponferrada a Compostela', vén de ser recoñecido como socio de honra de Alumni USC o pasado novembro pola súa contribución e dedicación en diversas actividades. Falamos con el:

O Camiño de Inverno pasa polas catro provincias galegas. Que particularidades presenta esta ruta fronte a outros camiños?

Este Camiño era o que tomaban os peregrinos para evitar os montes nevados do Cebreiro e poder continuar con maior comodidade o Camiño. Esta bifurcación de entrar polo Val do Sil e non subir a Pedrafita é moito máis fácil, polo menos nesta primeira parte, porque despois tamén acabas subindo o Monte Faro. En canto a recursos e patrimonio, hai neste camiño elementos moi relevantes. Hai mostras de arquitectura relixioso- civil, abraza os dous grandes ríos galegos e hai conseguintemente varias pontes significativas. Algunhas delas porque atravesan a DO Ribeira Sacra pero tamén a de Sobradelo, a Ponte Vella de Monforte ou a Ponte Taboada.

Tamén hai mosteiros, castelos, paisaxes con encanto, e unha interacción grande entre os elementos naturais e o traballo das persoas. Hai que destacar tamén os socalcos e todas estas terras que teñen que ver con Valdeorras e a Ribeira Sacra, coa súa candidatura recente a Patrimonio da Humanidade. As médulas son un elemento esencial do Camiño de Inverno, e xa en Quiroga están as Covas do Medo, en Margaride de Lor, que son máis descoñecidas e pequenas e vale a pena coñecer.

A ruta percorre a cultura da auga, do viño e do aceite. Está gañando popularidade nos últimos tempos pero podemos dicir aínda que é a Galicia por descubrir?

Si, claramente. Este é un camiño de oficialidade recente, tan só leva cinco anos. E dende o punto de vista do Románico, as igrexas e mosteiros e outras mostras de arquitectura civil, están nalgúns casos por explorar. Outras son coñecidas pero de forma máis local, atendendo non tanto aos recursos do Camiño senón a determinadas comarcas. Sen lugar a dúbidas, isto terá un crecemento no tempo.

Ademais, se falamos da etapa anterior a Valdeorras, ese anaco entre Ponferrada e Puente de Domingo Flórez, estaríamos a falar da quinta provincia. É dicir, é unha senda moi completa, moi atractiva, que ten múltiples recursos.

O proxecto fai especial fincapé nas persoas que fan posible a senda. Isto xurdiu a medida que o realizabades ou era a idea que tiñades dende o principio?

A asociación asumiu o reto de plasmar a realidade viva do Camiño de Inverno, de prestar especial atención á economía rural e social. Porque en xeral, cando se fai unha foto do Camiño, aparece unha persoa que o percorre á beira dun elemento significativo como pode ser unha igrexa ou unha ponte. Nós o que quixemos aquí foi precisamente destacar as persoas que levan tantos anos traballando e ás que lles debemos a promoción desta senda de máis de 200 km.

A heroicidade destas heroínas e anfitrións, que é como nós as coñecemos, está en manter vivo o camiño durante tanto tempo e ter a capacidade de albergar, mostrar ou alimentar aos que pasan. Estamos falando de artistas, persoas relixiosas, guías de museos, produtores das olivas e do aceite... Dentro destas persoas que son moi destacadas, están tamén representadas tres asociacións moi vinculadas ao Camiño de Inverno: Ribeira Sacra, Valdeorras e O Bierzo. Quixemos que apareceran e colaboraron no proxecto.

É casual o termo 'heroínas', ou hai detrás unha intencionalidade?  Quen son?

Quixemos poñer unha palabra en feminino e outra en masculino. É evidente que dentro da mostra hai moitas mulleres, e hai que chamalas heroínas porque é o que son. Algúns serían heroes tamén, igual que poderíamos utilizar a palabra anfitrión en feminino e tamén valería.

Si ten relevancia e queremos destacar o papel das mulleres na comunicación, na representación das asociacións, nos albergues e hoteis, nos servizos de comida ou como guías dos museos. Prescindir das mulleres sería prescindir de polo menos o 50% das persoas que traballan nos sendeiros e a nosa pretensión é toda a contraria.

Moitos dos lugares polos que pasa o Camiño de Inverno están afectados polo despoboamento. Entre as finalidades do proxecto está potenciar a economía rural?

Si, ten que haber novos proxectos nalgunhas destas aldeas. En sitios tan significativos coma Éntoma está Raúl Díaz, un home que traballou toda a vida nas empresas da lousa e a pizarra e que está agora reconstruíndo o lugar. Fai esculturas vinculadas ao Camiño aproveitando estes elementos, é unha persoa entrañable. Ou Olga Airas en Margaride de Lor, que é a presidenta da asociación de veciños, e é unha construtora e reconstrutora daquilo. Leva a cabo proxectos nas prazas, a capela, as fontes, os camiños... preocúpase polas Covas do Medo e por todo. Outro exemplo poderían ser Liliana e a súa nai Elvira, que dende a Taberna do Peto en Penasillás dan de comer a todas as persoas que pasan unhas comidas excepcionais.

É moi importante que estas persoas continúen con esta actividade e que haxa novos proxectos sustentados nos recursos endóxenos. Polo tanto teñen que ser as producións locais, como a do viño e o aceite, pero tamén pode ser o mel ou a castaña ou algunha outra actividade innovadora vinculada co turismo e coa economía social. Outras actividades que podan estar vencelladas ao territorio e signifiquen unha maior integración que mesmo implique integrar ás persoas discapacitadas. Todas estas iniciativas poden ser algunhas de natureza pública e outras de natureza privada, con novas empresas que pouco a pouco se poñan en marcha. É moi importante manter activas as aldeas, e xa sabemos que nalgunhas en concreto hai moi poucas persoas ou mesmo están totalmente deshabitadas.

Falas da necesidade de desenvolver un Plan Integral do Camiño de Inverno. En que aspectos hai que mellorar para potenciar a senda?

Isto sería unha proposta que sae do ámbito do proxecto e das competencias da asociación, que ao final non pode estar en todas partes, pero si que sería interesante desenvolver un plan baixo esa idea de que interveña e dirixa a Administración pero que participe a sociedade civil. Hai que ter en conta ao tecido asociativo e todas aquelas entidades que podan aportar ideas e mesmo recursos de natureza pública e privada. É necesario incidir nesta idea básica de potenciar proxectos de carácter público- privado. De feito, nós aplicamos iso no propio proxecto.  Na medida en que os proxectos sexan máis abertos haberá unha maior riqueza, unha maior contribución e participación das persoas.

Respecto da necesidade de potenciar os recursos naturais e atraer o turismo, este ano tramitarase a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Inmaterial pola Unesco. A candidatura debera servir para protexer o patrimonio natural, pero hai voces que alertan da posible masificación e as súas consecuencias. Como o valoras?

Creo que hai que buscar un equilibrio. Hai, por exemplo, moitas persoas dentro do noso proxecto que son guías e coñecen moi ben os recursos. É preciso contar con estas persoas que están implicadas no territorio.  Agora temos incluso o asunto das melloras nas comunicacións e polo tanto poden vir máis persoas a Galicia. Iso é favorable e hai que combinalo cunha situación de grande respecto coa natureza, as paisaxes e o territorio. Non pode ser doutro xeito.

De feito hai casas de turismo rural, albergues e hoteis, e seguro que haberá máis no futuro. Iso hai que combinalo cun plan de desenvolvemento que aproveite todos os recursos endóxenos para que podan chegar a ser coñecidos tamén polos máis próximos. É dicir, por persoas de Galicia por descontado, e despois por persoas de fóra que vaian coñecendo. Iso non é malo e non ten porqué significar a ultranza e a masificación. Para iso hai que facer as cousas suficientemente ben, cun programa axeitado.

Recoñeceron o teu labor na asociación co nomeamento como socio de honra. Supoño que recibiches o recoñecemento con gratitude.

Hai persoas, como é o meu caso, que non estamos afeitas a recoñecementos. Asumín este traballo non para ter un recoñecemento pero unha vez que se produce, efectivamente, estou moi agradecido. Neste caso estamos falando de compañeiros, amigos e persoas moi queridas e próximas, polo que aínda é maior o agradecemento. O recoñecemento conleva unha responsabilidade adicional, que de feito xa tiña asumida, e é a de ter maior preocupación por calquera actividade ou contribución que poda facer a asociación.

Fíxose en Fonseca, mesmo cun concerto e con todos os elementos que non podes a priori imaxinar, por tanto teño só me queda agradecer. O único elemento negativo foi o momento, imposible de cambiar, que impediu que moitas persoas queridas puideran asistir pola situación que estamos atravesando. Pero hai que convivir coas circunstancias.

Que levas do proxecto realizado?

Para min o máis destacable do proxecto e pór enriba da mesa estas heroínas e anfitrións do Camiño, que son extrapolables a calquera outro dos camiños. De feito, nalgunhas empresas dos medios de comunicación, baixo outras denominacións, están aparecendo estas persoas. Iso para min é moi bo e relevante: que se lles recoñeza o esforzo ás persoas do Camiño Portugués, do Inglés, da Vía da Prata, do Camiño Francés... Que todas estas persoas podan ter un protagonismo e unha incidencia no futuro do Camiño de Santiago.

Tedes pensado embarcarvos noutro proxecto similar dende a asociación?

Nunca se sabe. Trátase dun proxecto suficientemente longo, estamos falando do ano 19, 20 e 21. É certo que nalgúns outros sitios estaban agardando pola exposición, pero a contribución está feita. As persoas están aí e témolas para o que se precise, están abertas a calquera actividade que se queira programar con elas, son persoas magníficas e xenerosas e polo tanto non hai nada máis que pedir. Unha continuidade concreta para un proxecto vencellado ao Camiño de Santiago neste momento non hai pero non é descartable. O que si podo dicir é que o grupo de senderismo fará de maneira inmediata, a partir de xaneiro, o Camiño a Fisterra e Muxía. É unha continuidade moi fermosa e interesante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta