Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 02/01/2022 | Actualizada ás 11:00
Se queremos indicar que algo non vai acontecer nin agora nin en ningún momento, podemos –é visto– recorrer a enunciados nos que botemos man de adverbios do tipo de nunca, xamais ou endexamais, mais tamén temos a opción de empregar secuencias fraseolóxicas coma as que imos ver a seguir:
Cuando las ranas críen pelo
{= Nunca, en momento ningún.}
Cando os galos poñan ovos
Cando empreñen os paxaros
Cando os paxaros queden preñados
Cando as ras boten pelo
Cando as galiñas boten pelo
[E TAMÉN]:
Cando os carballos dean uvas
Cando o castiñeiro dea landras
Cando o carballo dea verdura
Cando o trobisco dea uvas
Cando os toxos dean uvas # boten uvas
Cando os olmos dean peras
Cando a lebre diga misa
Cando o coello sexa abade
Cando o raposo sexa frade
Ex.: Hay que reconocer que le pone ganas y empeño, pero va a llegar a presidente de la Xunta cuando las ranas críen pelo.
Hai que recoñecer que lle pon ganas e empeño, pero ha chegar a presidente da Xunta cando os galos poñan ovos ‡ cando empreñen os paxaros ‡ cando as ras boten pelo ‡ cando os carballos dean uvas ‡ cando o castiñeiro dea landras ‡ cando o trobisco dea uvas ‡ cando a lebre diga misa ‡ cando o coello sexa abade ‡ cando o raposo sexa frade.
● Tamén:
Cando as galiñas teñan dentes && Cando os pitos teñan dentes && Cando o río corra (para) arriba && Cando a auga corra (para) arriba && Cando as formigas pisen forte && Cando o raposo deixe de roubar galiñas && Cando as ras críen pelo(s) && Cando os paxaros mamen
● E mais tamén:
Cuando vengan los nazarenos
Cando san Xoán baixe o dedo && (Para) O ano en que Cristo volva ó mundo
● E inda, como expresións de orixe culta:
Cuando las calendas griegas
Para as calendas gregas
● E mais tamén, como expresións asociadas en maior medida a ámbitos de uso máis familiares e coloquiais:
Cuando meen las gallinas
Cando mexen as galiñas
● E inda tamén, nesta mesma liña:
(Para) El día del juicio final
(Para) O día do xuízo final (pola tarde) && (Para) O día de nunca (xamais) && (Para) O ano de nunca (, véspera de nada) && (Para) A tarde en que chovan papas && Para a festa de san Nunca # de san Porrondón && Para san Serendín, que é un día despois da fin
NOTAS:
1. En relación con varias das locucións reflectidas, véxanse as seguintes paremias:
A) Escolmadas, de entre outras de semellante contido, do Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral, de Francisco Vázquez Saco:
Cando o río corra arriba e os carballos dean uvas serán bos os homes das barbas rubias.
Cando o río corra arriba e os carballos dean uvas han de contar verdade os homes das barbas rubias.
Cando a auga corra arriba e os carballos dean uvas han de ser bos os homes das barbas rubias.
Cando o castiñeiro dea landras e o carballo verdura han de ser bos os homes das barbas rubias.
Cando o castiñeiro dea landras e o carballo verdura han de ser bos os homes das barbas rubias.
Cando os olmos dean peras e o trobisco dea uvas, entón dirán verdade os homes das barbas rubias.
B) Tirada do Refraneiro Galego, de Xesús Taboada Chivite:
Cando a lebre diga misa, o coello sexa abade e o raposo sexa frade, deixarei a miña casa e perderei a túa amistade.
2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.
- Ferro Ruibal, Xesús (Coord.): “Diccionario de Fraseoloxía Galega. Estado actual dos fondos e dos traballos”. Nas Actas do I Coloquio galego de Fraseoloxía (1997), páxs. 289-311. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús: “Dentes e moas na fraseoloxía galega”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 69-126. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:
- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martínez [actualmente, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.