O BNG pide a comparecencia do conselleiro de Sanidade ante a "avalancha de problemas" en atención primaria

Requíreselle que explique a decisión sobre os 14 centros de saúde da área sanitaria viguesa e a contratación de persoal xubilado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2022 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

A viceportavoz do BNG, a lucense Olalla Rodil, anunciou que este mércores van rexistrar "unha solicitude de comparecencia" do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pola "avalancha de problemas" nos centros de Atención Primaria en toda Galicia.
Requíreselle "para que explique a situación en Atención Primaria e a decisión que tomou a Xunta en 14 centros de saúde da área sanitaria de Vigo que acaban de convertelos en PACs de urxencias e non dan abasto".

"A COVID é unha prioridade, a pandemia é unha urxencia pero non podemos botar ao carón as outras enfermidades. Están a vulnerar un dereito fundamental, como é o dereito á saúde, do conxunto da poboación de Galicia. Terán que dar a cara e dar explicacións", protestou. A parlamentaria nacionalista por Lugo non dubida que "isto é consecuencia das políticas de recortes e desmantelamento da Atención Primaria que leva aplicando o PP nos últimos doce anos".

Outro aspecto que sitúa "como a pinga que colma o vaso" é que "se pretende parchear esta situación contratando a persoal médico xubilado". "Este parece un goberno que actúa como un pito sen cabeza. Despois de que se marchasen centos de persoas formadas na facultade de Medicina de Santiago, ou o persoal de enfermaría que se ten que ir a outros países porque aquí lles asinan contratos en precario, agora trátannos de facer crer que falta persoal médico e hai que buscar aos xubilados", precisou.

En canto á Atención Primaria, Olalla Rodil insistiu en que "o que vemos é unha saturación enorme dos centros de saúde, que é consecuencia directa das políticas de recortes que leva aplicando o PP nos máis de doce anos de gobernos de Feijoo".

A viceportavoz do BNG reparou en que "isto se reflicte nos presupuestos que acaban de entrar en vigor o 1 de xaneiro con 2,2 millóns de euros menos en Atención Primaria que o ano pasado, ademais dos 47 millóns menos que se destinan desde 2009".

"O persoal está exhausto despois do vivido coa pandemia. Isto é o resultado das políticas de desmantelamento da Atención Primaria que aplicou o PP na última época", incide finalmente nas súas criticas a parlamentaria nacionalista por Lugo.

Un equipo especial comeza na área de Ourense a chamar aos maiores de 80 anos para vacinarse / Europa Press. / Europa Press
Un equipo especial comeza na área de Ourense a chamar aos maiores de 80 anos para vacinarse / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta