As lentes de sol, fundamentais tamén durante o inverno para previr enfermidades

O Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia recomenda o uso de lentes de sol e bágoas artificais para evitar contraer enfermidades como a síndrome do ollo seco ou a conxuntivitis.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/01/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Que o uso de lentes de sol é recomendable no verán é algo máis que asumido pola meirande parte da poboación, que toma medidas para coidar dos seus ollos antes factores externos como as altas temperaturas e intensidade da luz. Menos asumido está que a calefacción, as inclemencias do tempo, a luz ultravioleta nas en zonas de montaña e as baixas temperaturas, danan os ollos e fan preciso o uso de lentes de sol.

gafas sol
gafas sol

Así o vén de trasladar o Colexio de Ópticos-Optometristas de Galicia, que explica que as baixas temperaturas, o vento ou o feito de que o sol estea máis baixo no horizonte no inverno poden prexudicar a saúde dos ollos. Por iso, recomendan protexer os ollos cunhas lentes e utilizando bágoas artificiais. “Se o frío se combina ademais con vento, os ollos secaranse e o paciente notará ardor, escozor, enroxecemento dos ollos e lagrimeo”, destaca o presidente Eduardo Eiroa.

Como consecuencia do  acortamento dos días e a diminución da exposición á luz natural, os optometristas galegos destacan que, aínda que efectivamente hai menos horas de luz solar que no verán, a posición do sol nesta época é máis baixa no ceo, de forma que os seus raios chegan cunha inclinación que os fai moi molestos e igualmente nocivos. “Que o día estea nubrado non significa que a radiación  ultravioleta, parte integrante dos raios solares, non chegue ata os nosos ollos", sinala o presidente.

Os expertos lembran que está demostrado que a exposición á luz do sol e á radiación ultravioleta favorece a aparición de determinadas enfermidades, como as cataratas ou a dexeneración  macular asociada á idade. Por tanto, "no inverno tamén é necesario utilizar lentes que leven bo filtro fronte a este tipo de radiación".

Ademais, os optometristas sinalan que a calefacción moi elevada en casa ou na oficina, especialmente se se está facendo algún labor que esixa atención como traballar cun computador, ou mesmo no coche, onde o chorro de aire quente apunta en ocasións directamente á cara, seca os ollos e pode provocar  escozor, ardor ou mesmo

a sensación de corpo estraño no seu interior.

Para previlo, os optometristas recomendan usar bágoas artificiais con ácido hialurónico, xa que son as que máis equilibrio ofrecen entre permanencia dentro do ollo e unha correcta  hidratación, ademais de protexer a superficie ocular. "O ambiente adoita estar máis seco durante o inverno debido ás calefaccións, o que provoca que as infeccións nos ollos tendan a aumentar debido á síndrome do ollo seco, unha das razóns máis comúns de consulta  optométrica durante esta estación. Esta síndrome prodúcese cando o globo ocular non é capaz de producir bágoas suficientes ou cando estas non teñen a calidade apropiada,  evaporándose moi rápido”" apunta o presidente.

Outro dos riscos para a saúde visual é o aumento da conxuntivitis vírica. Nesta época do ano rexístranse os seus maiores índices, un tipo de conxuntivitis ocasionada polos mesmos virus que provocan os procesos gripais no inverno. Os síntomas máis típicos son o enroxecemento do ollo e a secreción do mesmo e adoita durar ao redor de 10 días. “A persoa debe aumentar as medidas hixiénicas eses días para evitar o contaxio, como non compartir toallas ou almofadas, lavar as mans tras tocarse o ollo ou ventilar as habitacións” –recomenda Eduardo Eiroa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta