Por Galicia Confidencial | | 21/01/2022 | Actualizada ás 22:00
O uso continuado dalgunhas pezas de vestir podería danar a súa saúde. Un novo estudo realizado por investigadores do Instituto de Materiais iMATUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC) comprobou que “algúns produtos téxtiles comercializados en Europa non cumpren o Regulamento Europeo 1907/2006” relativo ao rexistro, a avaliación, a autorización e a restrición de substancias e preparados químicos. Os resultados da súa investigación son preocupantes, xa que atoparon niveis de metais tóxicos “por enriba dos límites máximos establecidos” pola regulación da Unión Europea (UE), advirten os científicos.
Sábese que metais, compostos metálicos e nanopartículas metálicas aparecen nos produtos téxtiles debido a impurezas das materias primas, contaminación durante o proceso de fabricación ou a súa adición deliberada. Na UE, a presenza en tecidos de metais e metaloides, como chumbo, cadmio, cromo VI (tamén coñecido como cromo hexavalente, recoñecido canceríxeno), arsénico, mercurio ou dioctilestaño está precisamente preceptuada polo Regulamento 1907/2006, coñecido como Regulamento REACH, que entrou en vigor o 1 de xuño de 2007 para garantir un alto nivel de protección da saúde humana e do medio ambiente.
Este regulamento baséase no principio de que corresponde aos fabricantes, importadores e usuarios intermedios garantir que só fabrican, comercializan ou usan substancias que non afectan negativamente á saúde humana ou ao medio ambiente. Para iso, introduce a obriga de efectuar un rexistro de todas as substancias químicas que se comercializan dentro do territorio da Unión Europea. E neste apartado inclúese, tamén, o sector textil.
Os investigadores analizaron 14 pezas téxtiles fabricadas en Europa e Bangladesh, mercadas todas por internet, agás dúas pezas que foron adquiridas nunha tenda local e nunha farmacia
Partindo de aquí, os investigadores do iMATUS analizaron 14 pezas téxtiles mercadas, maioritariamente, por internet, agás dúas pezas que foron adquiridas nunha tenda local (un pantalón de ciclismo masculino) e nunha farmacia (medias de compresión con ións de prata para persoas diabéticas). Todas as pezas estudadas foron fabricadas en Europa, agás tres, producidas en Bangladesh.
As pezas estudas foron: tres camisas de manga longa fabricadas en Bangladesh (unha, 70 % viscosa, 30 % algodón, e dúas, 65 % poliéster, 35 % algodón; todas elas con SolarShield ZnO, factor de protección ultravioleta 40+); tres pezas de calcetíns (unha 80 % algodón, 13 % poliamida, 5 % prata, 2 % elastano, fabricada en Europa, sen máis datos; outra fabricada en España, 66 % poliamida, 10% poliamida con ións de prata, 24% elastano; e outra da República Checa, 49% algodón orgánico, 19% polipropileno, 20% poliamida, 10% poliéster, 2% elastano); unha camiseta masculina 100% poliéster con ións prata, fabricada en España; un pantalón culotte de ciclismo masculino creado en Romanía (82 % poliéster, 18 % elastano e tratado con cloruro de prata como biocida antibacteriano); dúas camisetas infantís de Alemaña (unha, 50 % algodón, 50 % celulosa, factor de protección ultravioleta 30, e a outra, 46 % algodón, 46 % celulosa, 8 % Elastano, factor de protección ultravioleta 50+); e, finalmente, fabricados na República Checa, unha diadema (60 % algodón, 32 % poliéster, 8 % elastano), unha peza de roupa interior feminina de poliéster e outra interior masculina (60% algodón, 32% poliéster, 8% elastano) e unha camiseta interior masculina (96% poliéster, 4% elastano).
"A maioría dos niveis de metais foron similares en todas as mostras téxtiles”, sen diferenzas significativas entre países de fabricación
Nas análises prestouse especial atención aos téxtiles con nanoacabado (tecidos preparados con nanopartículas metálicas para proporcionar determinadas funcionalidades).
Os autores da investigación explican que malia que os tecidos foron fabricados en distintos países europeos e Bangladesh, “a maioría dos niveis de metais foron similares en todas as mostras téxtiles”, polo que non hai diferenzas significativas nas concentracións dos químicos no que se refire á orixe das pezas.
ALTA CONCENTRACIÓN DE ARSÉNICO E CHUMBO
Os resultados máis preocupantes indican que o contido en arsénico na mostra de calcetíns fabricados en Europa con 80 % algodón, 13 % poliamida, 5 % prata e 2 % elastano, superou a concentración máxima legal marcada pola UE, ao igual que o contido en chumbo en submostras analizadas das camisas de manga longa fabricadas en Bangladesh.
Os autores do estudo tamén destacan que, aínda que non está permitida a impregnación de fíos con compostos de mercurio, este elemento químico metálico foi detectado nos tecidos dunha das camisas fabricadas en Bangladesh, na camiseta masculina 100% poliéster con ións prata fabricada en España e no pantalón de ciclismo masculino creado en Romanía.
Respecto ao cromo, atoparon concentracións no límite máximo legal de cromo hexavalente permitido en Europa nos calcetíns con 80 % algodón, 13 % poliamida, 5 % prata e 2 % elastano fabricados en Europa e no pantalón de ciclismo masculino creado en Romanía, e eses límites superáronse nos calcetíns fabricados en España con 66 % poliamida, 10% poliamida con ións de prata, 24% elastano. Ante isto, sinalan que “son necesarios máis estudos de especiación química” nesa mostra, xa que “o cromo hexavalente é a única especie de cromo regulada nos produtos téxtiles”.
Nalgunhas pezas atopouse arsénico e chumbo por enriba do máximo permitido, identificouse mercurio, malia non estar permitida a impregnación de fíos con este elemento, e concentracións no límite máximo legal de cromo hexavalente
En canto a metais como a prata, o titanio e o cinc, que se engaden principalmente como nanopartículas metálicas para proporcionar determinadas funcionalidades á roupa, subliñan que “se atoparon niveis elevados nalgunhas pezas das que os fabricantes informaron que conteñen esas nanopartículas”. Por iso, din que “serían benvidos máis estudos para caracterizar a distribución do tamaño das partículas así como a liberación destas nanopartículas metálicas en condicións de lavado convencionais”.
Por outro lado, aínda que con concentracións inferiores, tamén se atopou berilio e cadmio, ademais de mercurio, nalgunhas pezas. Neste sentido, expoñen: “A presenza dalgúns metais pode estar directamente relacionada co seu uso (ou o uso dos seus compostos) durante a produción e/ou a funcionalización de tecidos. Non obstante, algúns metais como o berilio, o mercurio e o cadmio detectáronse en niveis traza nalgunhas mostras, aínda que non se informou de que teñan un papel específico na industria téxtil”. Na súa opinión, a presenza destes químicos podería deberse a unha “contaminación durante a fabricación, almacenamento e/ou venda dos produtos téxtiles”.
A presenza doutros metais nos téxtiles si pode estar relacionada co seu uso nalgunhas etapas da produción, como é o caso do litio, xa que “a graxa de litio é un dos lubricantes máis utilizados na industria en todo o mundo, e o seu en dispositivos mecánicos durante a fabricación de pezas de roupa podería contaminar os téxtiles con este metal”, apuntan.
En definitiva, os resultados das análises realizadas mostran que “algúns produtos téxtiles comercializados en Europa incluídos neste estudo non cumpren o Regulamento 1907/2006”, xa que mostran concentracións de arsénico e chumbo “por enriba dos límites máximos establecidos” na UE, advirten os investigadores da USC, que veñen de publicar os seus resultados no International Journal of Environmental Research and Public Health.
MÁIS ESTUDOS
Este non é o primeiro estudo que detecta químicos en pezas de vestir que poden ser perigosos para a saúde. Científicos do grupo de investigación do Centro de Tecnoloxía Ambiental Alimentaria e Toxicolóxica (TecnATox) da Universitat Rovira i Virgili (Cataluña) levan anos analizando como poden afectarnos algúns tóxicos atopados en roupa e complementos.
Un traballo publicado en 2019 por estes científicos alertou de que, en determinadas circunstancias de uso, determinadas pezas de roupa poden supoñer riscos para a saúde que non están debidamente recollidos na lexislación sobre produtos téxtiles.
Segundo estes investigadores, a presenza "non desprezable" de produtos químicos potencialmente tóxicos, como oligoelementos, retardantes de chama ou certos pigmentos para tintes nalgunhas pezas de roupa, pode provocar riscos sistémicos potenciais, e mesmo significar "riscos de cancro inaceptables para os consumidores” , advirten, centrándose especialmente na vulnerabilidade dos nenos.
Como explican os expertos de TecnATox, o risco depende das características físico-químicas da substancia potencialmente tóxica. A través da pel, o veleno chega ao sangue, e desde alí redistribuíuse en varios órganos e tecidos. Ademais, a propia pel pode verse afectada por dermatites de contacto, irritacións, etc. Outro factor que inflúe no risco é o uso continuado dunha peza con concentracións importantes de compostos tóxicos
Naquel traballo, os investigadores cataláns fixeron unha revisión exhaustiva da información científica dispoñible até entón sobre a exposición humana a produtos químicos na roupa, centrándose nos químicos tóxicos máis susceptibles de detectarse nos tecidos: retardantes de chama, oligoelementos, aminas aromáticas, bisfenois, quinolina e nanopartículas metálicas, entre outros.
Algunhas pezas de poliéster conteñen o tóxico antimonio, que nalgúns casos supera os límites permitidos
Estes contaminantes están habitualmente presentes no proceso de fabricación téxtil e en actividades de acabado como branqueamento, impresión, tinguidura, impregnación, revestimento ou plastificación. A isto súmanse os rápidos cambios nas tendencias da moda, que provocan alteracións nos tipos de estampados, tinturas e outros tipos de produtos químicos empregados durante o proceso.
Os investigadores revisaron os efectos de diferentes compostos. No caso dos retardantes de chama, que se incorporan aos téxtiles para evitar ou inhibir a combustión, ou do bisfenol A, un disruptor endócrino, suxiren que as concentracións destas substancias provocan unha importante exposición dérmica nas persoas.
Noutro estudo publicado en 2019, os investigadores de TecnATox centráronse na exposición da pel aos oligoelementos presentes en pantalóns e camisas vaqueiras. Aínda que os riscos para a saúde estaban dentro dos límites seguros, a exposición ao antimonio era maior nas pezas con mestura de poliéster.
Precisamente, outra investigación publicada en 2017 por estes científicos determinou que algunhas pezas de poliéster conteñen o tóxico antimonio, que nalgúns casos superou os límites permitidos. Esta investigación centrouse nos téxtiles para o fogar, como toallas, roupa de cama e pixamas, e identificaron algunhas pezas que, polo seu contacto directo coa pel, poderían ser potencialmente perigosas se se usan continuadamente.
Pero os consumidores non somos os únicos expostos a estes riscos, nin os máis afectados. Nos últimos anos, algúns estudos científicos mostraron evidencias de efectos adversos sobre as persoas que traballan directamente na produción téxtil, principalmente en países asiáticos, onde se atoparon numerosos contaminantes, incluído o antimonio, nas augas residuais de fábricas téxtiles de China, India e Bangladesh, sendo os compostos colorantes os máis contaminantes para o medio ambiente e os traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.