Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2022 | Actualizada ás 14:19
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou este xoves en Santiago que o acordo da reforma das pensións "acaba coa inxustiza" imposta pola reforma unilateral de Rajoy do ano 2013.
Así o dixo tras asistir a un encontro co ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá, no que tamén participaron o delegado do Goberno e os sindicatos UGT e CC.OO.
Segundo sinalou o PSdeG nun comunicado, o líder dos socialistas galegos sostivo que o acordo, asinado o pasado 1 de xullo entre o Goberno e os axentes sociais, "acaba coa inxustiza, renova o compromiso co sistema público de pensións por parte do Estado". E faino ademais, dixo, integrando ás forzas sindicais e representantes empresariais "como sempre se fixo a través do Pacto de Toledo, coa concertación e o compromiso social".
Nesta liña, incidiu en que este acordo retoma o camiño do encontro para "eliminar as inxustizas incorporadas pola reforma laboral unilateral e sen ningún tipo de acordo coas forzas sociais imposta polo PP en 2013".
Aquela imposición, lembrou, "recortaba dereitos aos pensionistas co sistema de revalorización e afastábase da actualización respecto do IPC" que sempre fora norma en España. Ademais, engade, "incorporaba un factor de sustentabilidade das pensións que facía perder o 25 por cento de media a calquera pensionista de face ao futuro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.