Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/02/2022 | Actualizada ás 10:28
O Regueifríki, unha atividade que reúne regueifa, entroido e frikismo, festa impulsada polo Obradoiro de Regueifa da Semente e a Regueifesta, non se realizará na Biblioteca Pública Ánxel Casal como estaba programado.
Segundo indican os impulsores desta actividade nun comunicado, diferencias coa direción da biblioteca a causa do cartaz da actividade "acabam com o traslado da atividade a um local alternativo". "Agradecemos à Biblioteca o seu apoio ao ceder o espaço -como fixo noutras ocasions- mas denunciamos que nom se nos trate em igualdade de condiçons que qualquer outro coletivo", critican.
Desde o Regueifriki consideran un caso de censura o feito de que a Biblioteca se negue a difundir o cartaz do evento. "A regueifa, e mais no tempo do entruido, aprende-nos a expresar-nos e defender a liberdade de expressom", indican ao suliñar que é unha atividade con disfrazes e música, "para fazer festa e humor improvisando em verso".
Así, lembran que, despois de várias festas "Regueifa Patronum", sobre o mundo de Harry Potter, Galiza e a maxia, neste 2022 abriuse o festival ao frikismo en xeral. "Consideramos que fazer pública esta história arredor do que é ou nom é censura é umha obriga. Devemos conhecer os mecanismos que querem limitar a paródia e o espírito lúdico", alegan.
No cartaz do Regueifriki aparecen personaxes de fición como Arale, Harry Potter ou Pijus Magníficus e personaxes públicas como Abel Caballero, alcalde de Vigo, Froilán de Borbón, aristócrata, ou Moncho Lemos, director da Radio Galega Música. "O nosso objetivo é compartir e construirmos umha visom crítica sobre o acontecido, defendendo a nossa decissom de nom mudar o espírito entruideiro e retranqueiro do cartaz", insisten.
O Regueifríki celebrarase, finalmente, na Gentalha do Pichel entre as 18.30 e as 19.30 do vindeiro 18 de febreiro.
RESPOSTA
Pola súa banda, desde a Consellería de Cultura, titular da biblioteca, apuntan que sobre esta actividade, unha vez recibida a solicitude de espazo, desde a dirección do centro autorizouse a realización do evento ao igual que se fixo con esta mesma entidade noutras ocasión.
"No caso da difusión indicouse que non se faría en base a un dos puntos do documento de cesión de espazos" que indica que o titular da solicitude poderá promover actividades publicitarias en relación co acto autorizado correndo integramente ao seu cargo todos os gastos ocasionados ao respecto e que a biblioteca decidirá se envío ou non desde a súa administración calquera publicidade sobre a actividade. "Foi a organización do evento a que decidiu cancelar a súa actividade", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.