Santiago enviará medicamentos a Ucraína en colaboración con Cruz Vermella e unha empresa de Vilagarcía

O municipio de San Xoán de Río ofrece instalacións para a acollida de 50 nenos ucraínos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2022 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que o Concello vai colaborar con Cruz Vermella e unha empresa de Vilagarcía para enviar medicamentos a Ucraína. Igualmente, o rexedor indicou que se calquera cidadán ucraíno residente en Compostela quere porse en contacto co Concello, estarán "encantados de atendelos".

Na rolda de prensa, o rexedor lembrou que todos os partidos políticos de Santiago adoptaron unha declaración conxunta de solidariedade e de condena á invasión de Ucraína por parte de Rusia.

Dentro das medidas de solidariedade, o alcalde remarcou que realizaron o "xesto simbólico" de iluminar a fachada do Concello coas cores da bandeira ucraína polas noites, e que están pendentes de ver que máis poden facer para "facer chegar" a "solidariedade aos cidadáns ucraínos".

"Imos ter que pagar todas as consecuencias deste conflito", sostén, polo que avisa de que ninguén debe cometer o erro de pensar que: "Ucraína está moi lonxe e non ten nada que ver connosco". "Hai un antes e un despois desde o 24 de febreiro", sentenciou, pois "o futuro de Europa cambiou ese día".

"UNHA DESGRAZA"

"Isto é unha desgraza mírese por onde se mire", lamentou Bugallo. Advirte de que haberá que elixir entre cal é a "desgraza maior e a desgraza menos maior". Ademais, explicou que "se a guerra continua", será "durísimo".

O alcalde de Santiago expresou que o único camiño para terminar co conflito no curto prazo é "darlle a Putin o que quere" porque "non se vai a conformar se non toma o control de Ucraína, dunha ou outra maneira".

Con todo, Bugallo definiu ese escenario como "moi complicado" porque "os rusos son un país moi admirable en moitos sentidos e un deles é que ten unha enorme capacidade de sacrificio".

OFRECEMENTO DE SAN XOÁN DE RÍO

Pola súa banda, o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, enviou á Embaixada de Ucraína en España o ofrecemento de instalacións municipais para a acollida de 50 nenos ucraínos.

En escrito, o rexedor sinala que nestas instalacións, dunha extensión de sete hectáreas, disponse de edificios como o que estivo funcionando recentemente como albergue xuvenil. Tamén un restaurante e un pequeno colexio.

Sostén que pode ser un lugar adecuado para "crear un pequeno pobo temporal ucraíno", de forma que "nenos e os seus coidadores poidan vivir exactamente igual" e seguir coas súas rutinas.

"Este é o noso humilde gran de area que podemos achegar ao pobo ucraíno para reducir os efectos dunha invasión rusa sen xustificación", asegura o alcalde no escrito.

Fachada do Concello de Santiago con cores da bandeira de Ucraína. CONCELLO DE SANTIAGO
Fachada do Concello de Santiago con cores da bandeira de Ucraína. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta