O 'efecto Tanxugueiras': cada vez hai máis demanda de filmes e música en galego

Un informe do CCG constata o incremento do desexo de ler e escoitar cultura galega, se ben a restrinxida oferta de certos eidos dificulta o acceso á mesma na lingua do país.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2022 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Quen pense que 'Terra' das Tanxugueiras é o gran hit en galego da historia de seguro terá esquecido o tempo no que 'A festa non vai parar' soaba nos MP3 dos mozos e mozas dos institutos. Un hit techno, obra un DJ esquecido, que de seguro emerxeu tantas veces das profundidades do eMule para conquistar un terreo que nunca pisaron as campañas de normalización lingüística: o galego como algo guai, contemporáneo e próximo. Un tema que poñer nos botellóns para mesturar o Kas limón co alcol de queimar que tocara.

Tanxugueiras. Benidorm Fest.
Tanxugueiras. Benidorm Fest. | Fonte: Foto: Rocío Cibes

Por iso dicía tamén Agustín Fernández Paz que a normalización non sería efectiva e real até que houbera unha revista do corazón na lingua do país. En calquera caso, parece que ser a demanda de produtos en galego vai á alza dende hais un meses. Cando menos tal é a conclusión que se tira dun informe presentado polo Consello da Cultura Galega e que mesmo pon nota ao desexo da sociedade de escoitar en galego: un 6'15. Non é moito e a porcentaxe baixa tamén coa idade.

O estudo, explican, foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), e presentado en rolda de prensa pola presidenta da institución, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e coordinador do Observatorio, Hakan Casares. Nel analízanse os hábitos culturais da poboación galega entre a rapazada e apunta que naqueles sectores nos que escasa a oferta cultural en galego, nomeadamente cine e videoxogos, constátase un menor consumo nesta lingua. Ademais, tamén apunta que a cidadanía demanda máis oferta en practicamente todos os produtos analizados.

“O informe deixa conclusións moi positivas, como que o feito de estar en galego non retrae o consumo e que canto maior e a oferta, máis se estimula a demanda” asegurou Rosario Álvarez no marco da presentación. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, engadiu o feito de que “é de destacar que a demanda en galego medra, aínda que tamén vimos que non é igual en todos os sectores, xa que se o do sector do libro está máis equilibrado, a oferta na nosa lingua é escasa no cine en sala e nos videoxogos” explicou.

O informe apunta que a valoración que a poboación fai da oferta cultural galega é dun 6,15. Pero a cifra baixa ata os 5,56 se eses produtos están destinados a menores de 16 anos e baixa aínda máis, ata 5,01 puntos, se a oferta está en lingua galega. A puntuación varía tamén se lle engadimos outras variables, como a da idade (os máis novos ofrecen as puntuacións máis altas), xeográfica (os datos son peores nas provincias de Lugo e Ourense), os niveis de estudo das persoas enquisadas (cando maiores son os estudos, a valoración máis baixa) e o equipamento cultural nos seus fogares ( se a casa ten libros, smart tv, pc de sobremesa ou portátil, tableta, consola... a oferta é valorada como baixa). Os autores do estudo aseguran que “a oferta é estimada máis negativamente cando esa cidadanía está máis atenta á oferta e maior coñecemento ten dela”.

O estudo, explican dende o mesmo organismo, ve patróns claros que explican que características sociais inciden no consumo de cultura entre a mocidade. A primeira delas é a educación das persoas, que se percibe claramente na lectura de libros, asistencia a museos, exposicións e espectáculos. Pero non é o único, xa que polas cifras pode concluírse que en consumo cultural o exemplo é fundamental. “A tendencia a consumir cultura entre as e os rapaces aumenta se as persoas que conviven con eles tamén consomen cultura”,  conclúe. Vese claramente na lectura pero tamén noutros hábitos, coma o de ir ao cine ou a espectáculos. Despois existen outras variables, coma o nivel de equipamento do fogar ou a lingua do contorno dos menores. “Favorece a probabilidade de asistencia ou uso dalgunha das actividades culturais pero non de todo”, asegura o estudo. Ademais, revela tamén que o nivel de renda ten unha influencia menor do que se esperaba.

O informe tamén revela un segredo a voces: que a asistencia o cine é moi baixa en xeral, un 69,9%, e moito máis aínda se as proxeccións filmes están en galego. Nove de cada dez aseguran non ir nunca ao cine en galego. Aquí xogaría tamén un papel a escaseza de filmes pulp --é dicir, malos-- na lingua nai. En calquera caso, para o CCG o dato está directamente relacionado con outro: as salas de cine encabezan o conxunto de prácticas culturais nas que non hai oferta e nas que isto condiciona o seu consumo. Así, o informe asegura que os datos son baixos de consumo cultural  en galego débese principalmente á falta de oferta no noso idioma. Os espectáculos, a música e os contidos audiovisuais son os principais produtos que a cidadanía galega que formou parte desta enquisa considera insuficientes en galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta