O Goberno non iniciou "ningunha actuación" para reverter a concesión da AP-9

O Executivo central limítase a indicar que se remitiron á Comisión Europea "as aclaracións oportunas", "dentro do prazo establecido", tras o expediente da CE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2022 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

O Goberno central informa de que, "actualmente, non se iniciou ningunha actuación tendente á reversión" da AP-9 despois de que a Comisión Europea abrise un expediente a España pola ampliación da concesión da autoestrada, a principal vía de vertebración de Galicia, sen lanzar unha licitación pública.

Así o apunta en resposta a unha pregunta por escrito do deputado de Podemos Antón Gómez-Reino, na que preguntaba se se iniciou ou se prevé algunha actuación de reversión da concesión "ante a acumulación de evidencias sobre a presunta ilegalidade das prórrogas realizadas e das compensacións económicas á empresa concesionaria".

O pasado mes de setembro Bruxelas expedientou a España debido a que a extensión da peaxe da AP-9 ata 2048 non se fixo de acordo á lexislación europea, tras unha denuncia de En Colectivo. Sobre esta cuestión, o Executivo central limítase a indicar que, en xaneiro de 2022, se remitiron á Comisión Europea "as aclaracións oportunas", "dentro do prazo establecido". A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, xa expuxo no seu día que esas alegacións ante o procedemento de infracción son "información reservada".

Tamén preguntaba Gómez-Reino sobre o informe da Comisión Galega da Competencia no que sinalaba como "excesivas" as compensacións á concesionaria pola ampliación da autoestrada. A este respecto, o Goberno central indica que "se recolle a opinión expresada polo devandito organismo autonómico, pero non se comparte. En todo caso, debe entenderse que a competencia para pronunciarse respecto dunha concesión de autoestrada de titularidade estatal, aprobada mediante Real Decreto, lle corresponde ao Estado", agrega na súa resposta.

AP-9, Autoestrada do Atlántico / Miguel Riopa - Europa Press. / Europa Press
AP-9, Autoestrada do Atlántico / Miguel Riopa - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta