O carbón "agoniza": só achega o 1,9% da electricidade producida en Galicia no 2021

'Galiza, un futuro sen carbón' urxe ao MITECO a rematar os trámites necesarios para a autorización do peche da central de carbón das Pontes solicitado por Endesa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2022 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

O carbón só achegou o 1,9% da electricidade producida en Galicia durante 2021, segundo os datos de Rede Eléctrica de España (REE), e a xeración eléctrica con carbón descendeu un 65,8% con respecto a 2020. Nin sequera durante os meses con prezos do gas fósil máis elevados o carbón tivo un papel sobranceiro.

Transportistas de carbón bloquean as saídas da central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez
Transportistas de carbón bloquean as saídas da central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez | Fonte: Europa Press - Arquivo.

Segundo expón a plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón', os 456 GWh producidos en todo o ano na única central de carbón existente, a das Pontes (Endesa), equivalen á achega do vento no mes con menor produción eólica (xullo, con 462 GWh). En decembro, un dos meses con maior consumo, rexistrouse a máxima produción con carbón, que representou o 5,8% da total dese mes.

Así, explica a plataforma, 2021 veu confirmar o declive do carbón que Galicia xa iniciara en 2019 por causa da suba dos prezos do dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións. Entre 2018 e 2021 o carbón pasou de xerar 10.308 GWh e un terzo da electricidade galega a menos de 500 GWh e do 2%. 

 

Tras o cese da actividade nas Pontes e o previsible peche "a mediados deste ano" da das Pontes, a plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón' urxe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a rematar os trámites necesarios para a autorización do peche da central solicitado por Endesa. Neste sentido, valora positivamente a publicación no BOE da declaración de impacto ambiental do desmantelamento da térmica das Pontes. "Cómpre eliminar de vez no noso país a tecnoloxía de produción eléctrica máis prexudicial para o clima", inciden.

 

Entre 2018 e 2021 a diminución da produción das centrais de carbón (e de coxeración) foi compensada en boa medida polas centrais de gas fósil de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa). Nun escenario de "baixo crecemento" da potencia eléctrica renovable, analiza a Plataforma, "o uso de gas fósil na xeración eléctrica tería sido ben maior de non ser polo descenso do consumo interno e das exportacións" inducido pola COVID-19 e o ascenso do prezo da electricidade.

 

GASES EFECTO INVERNADOIRO

 

En canto ás emisións galegas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático, reducíronse un 35,4% en 2020 en comparación con 1990, segundo os datos oficiais máis recentes. Na presente década as emisións de gases de invernadoiro deberían diminuír polo menos ata un 65%, obxectivo que a plataforma 'Galiza, un futuro sen carbón' pide que asuma a futura Lei do Clima de Galicia, que vén de ser sometida a unha consulta pública previa pola Consellería de Medio Ambiente.

 

Para atinxirmos o obxectivo de -65% é fundamental, segundo a plataforma, "desfosilizar o sector eléctrico antes de 2030". Por iso, propoñen á Xunta que a lei de cambio climático defina un "plan de ruta para o peche das centrais de gas fósil" nos próximos anos. Este, explican, debería encadrarse nun plan enerxético galego que aposte por un escenario de produción e consumo acorde cunha "transición enerxética rápida, xusta e sustentable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta