Feijóo advirte ao BNG que "non se pode ser ambivalente" ante a invasión rusa

Di que lle causa "preocupación" a actitude do "partido máis importante da oposición en Galicia".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/04/2022 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu ao BNG que "non se pode ser ambivalente" ante a invasión rusa e "uns crimes" contra "persoas inocentes", á vez que recoñeceu que lle causa "preocupación" a actitude do "partido máis importante da oposición en Galicia".

Soldados ucraínos tras a invasión de Rusia a Ucraína
Soldados ucraínos tras a invasión de Rusia a Ucraína | Fonte: ukraina.net.

"A ambivalencia ante asasinatos de poboación civil, a ambivalencia ante a destrución masiva de hospitais, a ambivalencia ante unha guerra ilegal sempre nos preocupa. Preocúpame e preocúpame que o partido máis importante da oposición en Galicia teña esa postura ambivalente", dixo.

Tras a reunión semanal do seu Executivo, Feijóo afeou ao Bloque "dicir unha cousa e a contraria" e pronunciarse en distintos sentidos "en función da Cámara". Tamén lamentou que interfira ou evite "condenas ou declaracións institucionais" que si pactan PPdeG e PSdeG.

Feijóo engadiu que lle preocupa porque o BNG "ten representación", aínda que se mostrou convencido de que "este tipo de ambivalencias non teñen apoio social". "Cando un partido se afasta dos seus militantes, dos votantes, da sociedade, é un partido que queda só ante as súas obsesións ideolóxicas", avisou.

"É un erro", engadiu, antes de lembrar que os populares xa sabían que "os socios do Goberno non eran fiables en política interior", pero agora "sorprende" que "tampouco o son na exterior". E tras subliñar que os socialistas gobernan co BNG en varias institucións galegas, preguntouse "a ver que resposta" expoñen "en relación á súa ambivalencia" con este conflito bélico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

Sería ben que Nestor Rego tomara en consideracion este artigo e llo pasara aos militantes da UPG para facer exercicios espirituais nesta Semana Santa ! Ucraína e a esquerda https://sinpermiso.info/textos/ucra...

1 anonimo

Completamente dacordo ( por esta vez ) con Gamela. Non sei de onde saca o tempo para escacilar tanta información.

1 Queimaño

Arzallus, Chaves, Puigdemont, Putin,... imos estar sempre cedendo no xogo mediático dos imperialistas?? Haberá que abrille os ollos á xente dunha. A ver sePutin ten gas máis barato, por qué é malo? Estamos parvos?