A Xunta agardou catro meses para facer cumprir a lei que impide a venda a perdas dos gandeiros

O Goberno aprobou a Lei da Cadea Alimentaria en decembro, pero a norma precisaba dun observatorio de prezos que servira de baremo xeral. Gandeiros e asociacións demandaron á Xunta que tomara a iniciativa, pero Medio Rural non moveu ficha ata catro meses despois da aprobación da lei.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2022 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou este martes a posta en marcha do Observatorio da Cadea Alimentaria Galega, que pretende facer efectiva a prohibición de venda a perdas. Así o avanzou o conselleiro en declaracións aos medios antes da reunión do Consello Agrario que se celebrou no Pazo de Quián, en Boqueixón.

A través deste Observatorio, a Xunta espera ser capaz de emitir informes que determinen os custos de produción e, desta maneira, facer que se cumpra coa prohibición de venda a perdas. A administración galega demorou case cinco meses a aplicación deste observatorio de prezos, o que non lle impediu responsabilizar en reiteradas ocasións ao Goberno central da non aplicación da lei. Galicia Confidencial xa recolleu meses atrás as demandas de varios gandeiros de cara á aplicación deste observatorio galego. 

José González explicou que "se hai un observatorio que de maneira autónoma, independente e eficiente" consegue determinar os custos de produción, haberá un mecanismo "para pedir despois a todos os activos da cadea de valor que cumpran coa prohibición de venda a perdas".

Así mesmo, relatou que este Observatorio tamén ten como finalidade mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, buscar un maior equilibrio e transparencia nas relacións entre os diferentes operadores e fortalecer o sector produtor, para así "alcanzar uns prezos xustos, que cubran sempre os custos de produción".

Ademais, González criticou que a lei que prohibe a venda a perdas é unha norma estatal, que en virtude das últimas modificacións introducidas na Lei da cadea alimentaria trasladáronselle algunhas competencias ás autonomías, pero denunciou que non se dotou ás comunidades "de medios nin financiamiento" para desenvolver as competencias e facer que se cumpra a lei.

Para pór en marcha o Observatorio, González destacou que se asinou un acordo entre a Vicepresidencia Segunda, a Consellería de Emprego e Igualdade, a Consellería do Mar e a Consellería do Medio Rural.

O conselleiro de Medio Rural, José González, participa por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios. XUNTA
O conselleiro de Medio Rural, José González, participa por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta