Investigadores galegos desenvolven un sistema para precidir a evolución de futuras pandemias

“Podemos pronosticar o avance da gripe cunha elevadísima precisión, o que é fundamental para a toma de decisións”, afirma o equipo da USC e da UVigo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Un equipo investigador da USC e da UVigo lograron desenvolver un código baseado no concepto de ‘xemelgo dixital’, co que predicir a evolución de doenzas como a COVID-19 a curto, medio e longo prazo. Así, a través dunha simulación virtual poden observar como tería sido a evolución da pandemia no caso de non ter adoptado distintas medidas, tanto de maior control como de relaxación.

Enfermeira cunha vacina
Enfermeira cunha vacina | Fonte: USC

O artigo toma como punto de partida a noción de ‘xemelgo dixital’, unha representación virtual dun obxecto, proceso ou servizo físico. Estas réplicas virtuais son utilizadas para crear simulacións antes de aplicar cambios nos obxectos reais. Trátase de recompilar datos para predicir como pode ser o seu comportamento futuro. Deste xeito, o equipo traballa con tres elementos: os datos reais da pandemia, un modelo virtual e a interacción entre a realidade e dito modelo.

No caso da pandemia da COVID-19, este código baseado no 'xemelgo dixital' permite "predicir o futuro cun alto grao de precisión”, sinala Juan José Nieto, catedrático de Análise Matemática da USC. O traballo consiste en dividir a poboación total en grupos ou compartimentos, dependendo do estado de saúde, para despois estudar o nivel de propagación dunha determinada enfermidade entre a poboación.

Para poder incrementar aínda máis a precisión das predicións, os investigadores empregaron una ferramenta “altamente potente, pero cun maior grao de complexidade”. Trátase das denominadas derivadas de Stieltjes, que permiten ter en consideración procesos que posúen distintos impulsos. Así, o código desenvolvido permite facer predicións da evolución da pandemia a curto, medio e longo prazo, tomando en consideración o acontecido ata unha data determinada e constatar como tería sido a evolución en diferentes escenarios hipotéticos. “Son futuros que non se produciron, algúns deles afortunadamente”, sinalan os investigadores.

O equipo sinala a importancia desta achega, dado que  é aplicable a outras doenzas. “Podemos predicir o avance da gripe cunha elevadísima precisión, o que é fundamental para a toma de decisións”, afirman, o que “sería tamén moi útil en futuras epidemias”. Esta investigación contou co apoio da Agencia Estatal de Investigación, Instituto de Salud Carlos III e da Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta