A Xunta tacha de "disparate" a "interpretación" do Goberno central sobre actividades en instalacións portuarias

Quintana asegura que seguirán tramitando solicitudes porque entenden que afectan as súas competencias exclusivas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/04/2022 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, cualificou de "disparate absoluto" a "interpretación" que realiza o Ministerio de Transición Ecolóxica sobre as instalacións que se asintan en terreos portuarios despois do informe emitido por Costas do Estado sobre o proxecto de reforma do porto de Cambados, no que pon en dúbida a continuidade de determinadas actividades como depuradoras ou unha praza de abastos.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana mantén unha reunión con representantes da Confederación Mar-Industria Alimentaria para analizar a situación do sector
A conselleira do Mar, Rosa Quintana mantén unha reunión con representantes da Confederación Mar-Industria Alimentaria para analizar a situación do sector | Fonte: Xoán Crespo - Xunta.

Quintana, tras reunirse con representantes da cadea mar-industria, asegurou que este informe supón "un novo ataque" ao sector por parte do Goberno central, ao que acusa de actuar contra a cadea desde o ano 2018, cando se produciu a chegada do Partido Socialista á Moncloa.

A conselleira apuntou que o ministerio que dirixe Teresa Ribera introduciu á cadea mar-industria nunha situación de "inseguridade xurídica" polos seus intentos de cambios normativos para limitar as actividades permitidas no litoral.

"Vímolo dicindo, todos os pasos van nesa dirección", aseverou Quintana, que incidiu no último destes "intentos" reflíctese no informe de Costas sobre a reforma do plan especial do porto de Tragove, en Cambados, xa que "pon en dúbida que as depuradoras ou unha praza de abastos poidan estar nun espazo de dominio público portuario".

"Sen cambiar a lexislación na Lei de Costas ou o seu regulamento, empezan a aplicar dunha forma totalmente restritiva esta lei e ese regulamento", aseverou a conselleira, que considera "incongruente" que o informe de Costas denegue a continuidade do depuradoras pero recoñeza que as tubaxes que as abastecen poden continuar na zona.

Para a conselleira, autorizar "que as tubaxes sigan gastando auga de mar" pero obrigar á industria "a trasladarse 10 ou 15 quilómetros" vai en contra de obxectivos de sostenibilidade, como reducir a "pegada hídrica, a de carbono" e outras cuestións vinculadas á transición ecolóxica.

Como primeiro paso para atallar esta situación, a Xunta solicitará a articulación dunha mesa de diálogo co Goberno central para facerlles "entender" a situación na que se atopa a cadea mar-industria.

En todo caso, o Executivo galego continuará tramitando as solicitudes da cadea para outorgarlles "seguridade xurídica", xa que entenden que están amparados nas competencias que outorga á Administración autonómica tanto a Constitución como o Estatuto de Autonomía.

"Abordaremos a resolución dos expedientes acorde ás nosas competencias exclusivas en portos autonómicos", aseverou Quintana, quen afirmou que non descartan recorrer aos tribunais para defenderse ante o que entenden como unha "invasión de competencias" por parte do Estado.

"Os tribunais están aí para resolver dúbidas", espetou a conselleira, quen lembrou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu recentemente a razón á Xunta no conflito aberto polas ordes sobre explotación dos bancos marisqueiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta