O unico no que Feijóo apoia a Sánchez, o envío de armas a Ucraína

O líder do PP ve "fisuras", "tensións" e "contradicións" no seo do Goberno con este asunto.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 22/04/2022 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, expresou este venres o apoio do seu partido ao envío de armas a Ucraína anunciado polo xefe do Executivo, Pedro Sánchez, e subliñou que, a pesar das "fisuras", "tensións" e "contradicións" no seo do Goberno con este asunto, poderá contar co respaldo do PP porque son "un partido de Estado". É no único asunto no que Feijóo apoia a Sánchez.

Combates en Ucraína tras a invasión rusa
Combates en Ucraína tras a invasión rusa | Fonte: EFE

Así se pronunciou despois de que cargos do Goberno como o secretario de Estado para a Axenda 2030 e secretario xeral do PCE, Enrique Santiago, cualificase de "incomprensible" a decisión continuar enviando armas a Ucraína, un día despois de que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciase desde Kiev o envío dun barco español con máis material militar para o exército ucraíno.

Feijóo, que asistiu en Santiago á presentación do proxecto de ampliación do Hospital Clínico, saudou "o apoio solidario do pobo español ao pobo ucraíno". "Nós imos apoiar a parte do Goberno que está a prol da lexítima defensa dos cidadáns ucraínos e, por tanto, o Goberno a pesar das súas fisuras e das súas contradicións, ten o apoio do PP porque é un partido de Estado", afirmou.

O presidente do PP subliñou que o pobo ucraíno está "a ser masacrado" nunha "guerra inxusta" e necesita "a solidariedade do pobo español". "Por tanto, imos seguir apoiando ao Goberno, que acertou rectificando", asegurou, tras lembrar que ao principio dixo que non ía enviar armas a Ucraína e "agora increméntanse" as armas que se van a remitir a ese país.

Feijóo sinalou que o Goberno tamén dixo primeiro que España "non vía claro ese conflito" e "agora mudou a opinión". "Pero a nós non nos importan as tensións e as contradicións do Goberno, o que nos importa é que o pobo español sexa solidario co pobo ucraíno", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta