O teletraballo, unha "gaiola de ouro" para a saúde física e mental?

Traballar a distancia, sen unha planificación adecuada e en condicións de precariedade, provoca novos riscos laborais para as persoas traballadoras. Co gallo do Día da Saúde e da Seguridade Laboral recordado este xoves, GC repasa as problemáticas específicas que afectan ao teletraballo.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O teletraballo chegou á vida de milleiros de persoas de golpe e sen moita alternativa a partir dun 15 de marzo do 2020 en que o Goberno estatal declarou o Estado de Alarma pola chegada da pandemia da Covid-19. Con pouca cultura empresarial en torno ao emprego a distancia, os cadros de persoal de moitas empresas viviron daquela unha fonda reorganización das fórmulas de traballo nun contexto de excepcionalidade e moi poucas certezas. 

Unha persoa teletraballa no seu fogar
Unha persoa teletraballa no seu fogar | Fonte: EP

Dous anos despois, o teletraballo medra, pero aínda de xeito minoritario. Segundo os últimos datos, lévano a cabo, no conxunto do Estado, un total de 2,75 millóns de traballadores, o 13,57%, por riba do 8,2% rexistrado no 2019 pero lonxe tamén do 20% de persoas ocupadas que teletraballaron en abril do 2020, no peor momento da pandemia. Esta fórmula laboral, que en casos se desenvolve de forma parcial e noutros total, pode converterse nunha arma de dobre fío para a saúde mental e física das persoas traballadoras, que en moitos casos mesmo se ven obrigadas a poñer os seus propios equipos informáticos, teléfonos e conexión a Internet a disposición do traballo.

Falicita realmente o teletraballo as xornadas laborais? Desenvólvese en condicións de saúde adecuadas? Crea novos riscos psicosociais a ter en conta? 

UNHA OPORTUNIDADE OU UNHA TRAMPA

"En condicións normais, non pandémicas, o teletraballo non debería supoñer unha exposición diferente a riscos laborais, posto que se trata dunha medida flexible de organización que pode facilitar a conciliación", explica Carlos Montes, profesor da área de Psicoloxía Social da USC. Por iso, se ben de primeiras debera resultar unha experiencia laboral favorable para a saúde, o certo é que coa pandemia "se xeneralizou unha forma de traballar desde a casa que dista moito do que podemos entender como teletraballo".  

Sen unha planificación real e sen unha formación adecuada para as persoas que traballan a distancia, estas fórmulas poden traer consigo "serios problemas e dificultades". "De aí", prosegue Montes, "que o teletraballo se convirta en ocasións nunha trampa, nunha especie de gaiola de ouro na que traballar desde a casa implica, entre outras cuestións, que se desdebuxen os límites entre tempo de traballo e tempo de lecer". Unha experiencia "desvaforable" para a saúde non só mental senón tamén física das persoas traballadoras e que provoca a entrada de novos riscos laborais no terreo de xogo. 

As máis afectadas, neste sentido, son as mulleres que se ven na encrucillada de ter que atender á vez o traballo remunerado e o traballo de coidados no fogar que segue recaendo maioritariamente sobre elas. "Esta dobre función de nai e traballadora en todo momento multiplica a sobrecarga", explica o director do gabinete técnico confederal de Saúde Laboral da CIG, Fernando Sabio, "polo que estamos vendo unha sobreexplotación das mulleres que están en situación de teletraballo". De feito, a futura lei galega de igualdade recollerá o concepto de 'benestar laboral' xustamente para abordar o tema da conciliación e o traballo a distancia.

DOS RISCOS FÍSICOS AOS MENTAIS

A Lei de teletraballoaprobada polo Goberno estatal no 2021 recolle unha regulación específica sobre elementos claves de saúde laboral, avaliación de riscos e prevención. Porén, dende CCOO apelan a traballar sobre estas cuestións "con maior profundidade". Segundo explica o secretario de Saúde Laboral do sindicato en Galicia, Armando Iglesias, os principais riscos do teletraballo son os ergonómicos, "derivados dunha incorrecta postura corporal ou da inadecuada configuración do espazo de traballo" -pantalla a unha altura inferior ao recomendable, pouca iluminación, pouco espazo para descansar os pulsos...-.

Os novos e cada vez máis maioritarios traballos dixitais implican, logo, riscos musculoesqueléticos que hoxe en día se manteñen como a principal causa de baixas laborais. Neste sentido, a formación dos propios traballadores para dotalos de ferramentas coas que mellorar as concidións de saúde é clave. Máis aínda, se cabe, cando este tipo de trastornos entran en interacción con outros de carácter psicosocial -altos ritmos de traballo, non respecto ás pausas, carga mental...-, que, segundo denuncia Iglesias, non se inclúen sequera nas avaliacións de riscos.

"Teletraballar, sobre todo de forma continuada, pode implicar o illamento da persoa, a dificultade para ser partícipe da toma de decisións, a perda de vínculos coa súa organización e compañeiros, e incluso, a redución das oportunidades de promoción laboral", expón Montes, que, ante estes riscos, aposta en maior medida polo desenvolvemento dun sistema híbrido que "conxugue as potencialidades e bondades dos dous sistemas de traballo": a distancia e na oficina. 

Desde unha perspectiva sindical, a desconexión da persoa co centro de traballo pode provocar, igualmente, "que o traballador perda a visión dos intereses laborais", apunta Sabio. "Non se dá conta de que perde a capacidade de defensa dos dereitos e reivincicacións. En termos sindicais, o teletraballo a tempo completo é unha barbaridade, implica un risco altísimo para os traballadores". 

O TECNOESTRÉS

Da man do teletraballo, cada vez máis empregados enfróntanse tamén ao que se coñece como "tecnoestrés", isto é, ese estrés laboral que ten como foco a tecnoloxía, "ben polas dificultades no seu uso ou ben polo seu abuso, por estar hiperconectados", explica Montes. Unha das caras máis visibles deste problema é a tecnoansiedade: "os medos que representa ter que manexar unha tecnoloxía coa que nos estamos familiarizados, o que pode provocar certa sorte de tecnofobia" derivado dun cambio tecnolóxico non planificado.

Neste concepto de tecnoestrés entra en xogo a desconexión dixital, un aspecto sobre o que xa existe lexislación específica pola cal as empresas están obrigadas a fomentala, indica Montes. Con todo, na realidade, o teletraballo adoita "prolongar a dispoñibilidade das persoas traballadoras, que son máis facilmente contactables", o que implica riscos para a saúde mental. "Moitas veces transformamos o correo electrónico nunha especie de sistema de mensaxería instantánea, ou empregamos o Whats App como canle de comunicación coa empresa, polo que levar o móbil con nós todo o día fomenta unha sensación de hiperconectividade".

Sobre isto tamén fai fincapé Fernando Sabio, que expón que a falta dunha desconexión dixital provoca que "non acabes distinguindo onde remata a vida laboral e empeza a familiar", ao tempo que dificulta "dimensionar as cargas de traballo a xestionar". Ante isto, establecer acordos entre as partes para determinar ata que hora un traballador pode ser contactado resulta clave no eido do teletraballo, indica Montes.

Nestas guías, impulsadas polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia xunto coa Confederación de Empresarios da Coruña, recóllense todas as recomendacións para desenvolver un traballo a distancia sen poñer en risco a saúde mental de quen traballa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta