Montes en man común: como explicar á mocidade galega un modelo solidario arrasado pola historia

A Organización Galega de Comunidades de Montes presenta unha guía para achegar a figura dos montes comunais ao estudantado.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

É un proceso natural: conforme a roda da historia avanza, esta vai deixando ao seu paso modelos de vida anterga que quedan estragados no camiño dos tempos. Por iso é a cada ano máis difícil facer comprender á mocidade urbana de Galicia como era a vida nas parroquias, esas entidades veciñais de fundamento agrario, precapitalista, e cun modelo de autoxestión paralelo ao que teorizan os universitarios nas terrazas dos barrios bien de Madrid

Montes Veciñais en Man Común de Rebordelo
Montes Veciñais en Man Común de Rebordelo

Para tentar achegar a noción aos escolares do país, a a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) vén de presentar unha guía didáctica titulada “As Terras Comunitarias de Galiza: o Monte Veciñal en Man Común”, que busca amosar o funcionamento das comunidades de montes á mocidade en idade escolar.

Os montes en man común son unha das fórmulas máis representativas desa vida autoxestionada que marca o trazo das parroquias galegas, marcadas á súa vez pola dispersión poboacional e a distancia das institucións estatais. Os sociólogos e historiadores fixan neste aspecto a orixe doutra figura típica do país: o cacique, ese home poderoso que serve de elo entre labregos e poderosos.

A guía en cuestión elaborada polo Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO) por encargo da ORGACCMM e será distribuirá polos colexios e institutos galegos como libro guía para o profesorado e alumnado. Segundo explica a organización, o obxectivo é que a través deste texto educativo a sociedade galega teña constancia da importancia das terras comunitarias na historia de Galicia. "A súa condición de propiedade comunal e a súa xestión asamblearia converte os montes veciñais nun referente para construir unha sociedade máis solidaria e cooperativa", inciden.

Neste aspecto, fan fincapé sobre o papel da solidariedade inherente á xestión dos montes comunais --que, por certo, de acordo con denuncias diversas, poderían ter os días contados polas xestións administrativas do PP--. "O futuro dunha sociedade xusta debería de construírse entre outras cuestións importantes, fomentando nas persoas valores como a solidariedade, actitudes cooperativas, compartir espazos en común, aproveitando que aínda temos na memoria, no legado e na actualidade, formas de traballo colectivo que se manteñen dende o pasado e que non deberíamos esquecer, adaptando as formas as necesidades do presente e futuro, sendo en moitos casos unha sinal de identidade, polo que deberíamos respectalo como parte do noso patrimonio social e cultural".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta