Xornada de voluntariado para retirar as mimosas do Río Tea

Adega celebra o Día Internacional da Diversidade Biolóxica cunha limpeza de especies exóticas no cauce de Carballo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Había ou non había un caimán no río Tea? Alén das históricas cancións do Xabarín --anaquiños duns anos 90 irreverentes e abertos-- o cauce de Carballo sofre dende hai anos a invasión doutra clase de especies esóxenas, e non se trata de réptiles senón de vexetais. De aí que a plataforma ecoloxista Adega e o Proxecto Ríos veñan de anunciar unha nova xornada de retirada de especies invasoras nas beiras deste río.

Río Tea, en Ponteareas
Río Tea, en Ponteareas | Fonte: Adenco

Con esta actividade serán xa 15 anos de loita fronte ás especies invasoras do río Tea. En concreto, a data desta ano virá a coincidir co Día Internacional da Diversidade Biolóxica, celebrado o vindeiro domingo 22. O obxectivo das plataformas ecoloxistas, que acometerán varias actividades nesta fin de semana vindeira, pasa por facer unha chamada de atención sobre o valor que posúen todas as formas de vida e os ecosistemas para a saúde do planeta. De aí que as actividades programadas vaian precisamente encamiñadas á preservación da biodiversidade baixo o lema "construír un futuro compartido para todas as formas de vida".

O Campo de Voluntariado Ambiental no río Tea para a eliminación de flora exótica invasora arrincará o propio venres 20. "Os campos do Tea, desenvoltos nos concellos de Covelo e Mondariz, son a continuación dos traballos realizados ao abeiro do programa de Voluntariado en Ríos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que comezaron en 2007", explican dende Adega, que inciden que volverán a retomar a limpeza no mes de setembro.

En concreto, as actividades centraranse na eliminación de flora exótica invasora presente en diferentes treitos do río Tea, partes deles zonas protexidas por leis. En particular, dedicarán a xornada a retirar as coñecidas vulgarmente como mimosas, se ben tamén tentarán desfacerse do bambú da zona, a tintureira ou a falsa acacia. "Para estas actividades, o voluntariado terá cubertos os gastos de aloxamento e manutención e contará con seguro de accidentes e de responsabilidade civil e coa ferramenta axeitada", inciden.

Outra das actividades promovidas para a fin de semana é a visita ás Microrreservas de flora de Carballo, situadas na complexo intermareal de Razo-Baldaio, na que participaran Stoas, grupo de scouts de A Coruña. "Na saída descubrirase a valiosa diversidade natural do espazo natural protexido e realizaranse tarefas de coidado do seu patrimonio natural ligadas á problemática do lixo mariño e ás especies exóticas invasoras", inciden dende a pltaforma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta