"Viñotear entre covas" ou "brindar coas estrelas" será posible na Ruta dos Viños de Valdeorras

As 'Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños de Valdeorras' chegan á súa XI edición cunha completa programación que se desenvolverá entre o 27 e o 29 de maio. As actividades poñerán en valor o territorio amparado, os seus recursos turísticos e o seu patrimonio.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 24/05/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Ata un total de dez actividades temáticas e moi interesantes terán lugar en Valdeorras entre os días 27 e 29 de maio dentro das "XI Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños de Valdeorras". 

Interior adega D.O. Valdeorras. Foto cedida.
Interior adega D.O. Valdeorras. Foto cedida.

Co cóctel de inauguración das xornadas, o venres 27 de maio pola noite, desenvolverase unha innovadora iniciativa que consistirá na observación astronómica ao tempo que se degusta un viño no Hotel Pazo do Castro do Barco de Valdeorras. A actividade estará conducida polo 'astrofotógrafo' Francisco Javier Cerdán.

O sábado 28, día grande das xornadas, chegarán cinco autobuses do viño procedentes da Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Ponferrada. Os visitantes realizarán rutas polas nove adegas participantes nesta edición das xornadas, en horario de mañá e tarde, parando a xantar nos concellos da Rúa e do Barco de Valdeorras.

Nesta mesma xornada haberá outras interesantes actividades: "Descubrindo a ruta da Loba da Fada e os viños de Valdeorras", na que se coñecerá unha lenda local e tomarase un viño no interior dunha tradicional cova de Valdeorras; "Entre pizarras e viños de Valdeorras", actividade esta na que se coñecerá unha canteira de pizarra e despois farase unha cata nunha adega; "A Idade Media, o románico e o viño", na que dende Xagoaza falarase aos visitantes sobre as peculiaridades do viño da comarca nese periodo histórico e ensinaráselles a Cova dos Monxes para catar un viño; o "Túnel do Viño" na Praza Maior do Barco en horario de mañá e de tarde, con concerto musical para rematar a xornada da man do dueto "Carta de Ajuste"; "Experiencia de arte e viño", na que os participantes poderán iniciarse na pintura mentres gozan dun viño; "Viños de Valdeorras e chocolates", na que se propón dende A Rúa unha degustación de chocolates e unha cata dirixida pola sumiller Mercedes González; e "Reeducar o olfato", actividade para poñer en valor os aromas do godello.

domingo 29, último día das xornadas, chegarán outros visitantes á comarca. Neste caso serán tres os buses do viño con xente procedente de Santiago, Ourense e Vigo. As actividades programadas son: "Viñoteando entre covas", para coñecer este patrimonio valdeorrés tan característico, as súas adegas soterradas; "Un paseo da man do poeta Florencio Delgado Gurriarán", no que se porán en valor as referencias aos viños da comarca contidas na súa obra; e "Descubrindo as pegadas do pasado", que propón dende a localidade de Larouco un paseo curto da man do arqueólogo Martiño Xosé Mato para descubrir a historia do castro de Castrillón. 

Presidente da Ruta do Viño de Valdeorras na presentación dunhas 'portas abertas' nunha edición anterior. Foto cedida.
Presidente da Ruta do Viño de Valdeorras na presentación dunhas 'portas abertas' nunha edición anterior. Foto cedida.

Todas as actividades ao detalle pódense atopar na web da asociación Ruta do Viño de Valdeorras, ou nos seus perfís de Facebook Instagram

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta