Rebautizan os campos de fútbol da Xunqueira na honra de Manolo Barreiro

Trátase do Presidente de Honra da Delegación Pontevedresa da Real Federación Galega de Fútbol, un veciño que "deixou unha pegada profunda no fomento do fútbol entre a sociedade", explican dende o Concello.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Os terreos de xogo da Xunqueira, en Pontevedra, serán rebautizados co nome de Centro Municipal de Fútbol Manolo Barreiro Lores, en homenaxe ao Presidente de Honra da Delegación Pontevedresa da Real Federación Galega de Fútbol. A solicitude de cambio de nome dos campos partiu de varios clubs da cidade e vén de ser aprobada no Pleno da Corporación Municipal.

Acto de homenaxe a Manolo Barreiro en Pontevedra
Acto de homenaxe a Manolo Barreiro en Pontevedra | Fonte: PSOE Pontevedra

O acto institucional de 'rebautismo' dos terreos de xogo terá lugar este domingo, 29 de maio, ás 11:00 horas, e a el acudirán o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández,  e os concelleiros Iván Puentes, Yoya Blanco e Marcos Rey. 

"É moi de resaltar que a meirande parte das asociacións deportivas que levan traballando durante anos por e para o fútbol no concello de Pontevedra presenten unha iniciativa para homenaxear un veciño", explicou Fernández, que asegura "compartir opinión coas entidades sobre a importancia de facerlle unha merecida homenaxe a unha das persoas máis relevantes no fomento do fútbol base local". 

Manolo Barreiro atópase, dixo, "entre os cidadáns de Pontevedra que deixaron unha pegada máis profunda no fomento do fútbol entre a sociedade", tras adicar máis da metade da súa vida ao impulso da práctica como de moitas das infraestruturas deportivas que se espallan polo territorio pontevedrés. E é que durante máis de 57 anos estivo traballando de xeito altruísta para a promoción da actividade física e o deporte entre a poboación. 

Polos méritos acadados ao longo de tantos anos, a Federación Galega nomeouno Presidente de Honra da Delegación. Actualmente, Manolo Barreiro segue a ser un asiduo aos terreos de xogo do municipio, así como "un importante apoio para os clubs", explica o Concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta