Entidades ecoloxistas abandonan o Consello Galego de Medio Ambiente ante a "censura" da Xunta

Non volverán asistir aos encontros de Cogamads mentres "non se debatan e voten no pleno as propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2022 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

A Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), A Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), veñen de anunciar a súa intención de abandonar o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads) pola negativa da Xunta de Galicia a debater sobre a problemática eólica. 

Xuntanza de Cogamads
Xuntanza de Cogamads | Fonte: arquivo

Nun comunicado, as tres asociacións explican que non volverán asistir aos encontros de Cogamads mentres "non se debatan e voten no pleno as propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica presentadas na anterior sesión e reiteradamente ignoradas pola conselleira Ángeles Vázquez", explican. 

"FURTAR DO DEBATE A PROBLEMÁTICA EÓLICA"

Na xuntanza do pasado 26 de xaneiro, varios vogais solicitaron debater e someter a votación no pleno a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia, así como da derrogación das Leis 5/2017 e 9/2021; ademais da elaboración dun informe sobre o encaixe do actual modelo enerxético na sustentabilidade e resiliencia do territorio galego.

Porén, lamentan as asociacións, "a conselleira eludiu tramitar estas solicitudes ao abandonar precipitadamente a xuntanza e mesmo ao deixar sen tratar o último punto da orde do día, ante a sorpresa e os protestos dos representantes das nosas organizacións". Foi entón cando os vogais pediron deixar constancia en acta das dúas solicitudes de votación e das "irregularidades no peche abrupto da sesión", así como a convocatoria á maior brevidade posible dun pleno extraordinario do COGAMADS para tratar as propostas bloquedas pola Presidencia. 

Porén, a acta desa reunión achegada pola secretaría do COGAMADS "en absoluto reflicte estes feitos", denuncian as organizacións. "E na orde do día da vindeira xuntanza por dúas veces adiada e finalmente axendada para este 31 de maio, comprobamos que non figuran, malia telo solicitado, o debate e valoración das propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica furtadas do debate na sesión do 26 de xaneiro", explican. 

POR HIXIENE DEMOCRÁTICA

"A nosa decisión de ausentarnos das reunións deste organismo consultivo mentres a conselleira siga incumprindo o seu regulamento, censurando o debate e impedindo o dereito ao voto dos seus membros, tomámola por hixiene democrática e respecto por unha institución, o Consello Galego de Medido Ambiente, rebaixada pola actual Xunta a un molesto e necesario trámite", explican no comunicado.

As organizacións entenden o comportamento da Presidencia como un intento de "furtar do debate público as consecuencias do actual modelo de desenvolvemento eólico", ao tempo que de "ocultar e silenciar" a preocupación que os seus impactos están a causar no ambiente e na sociedade galega. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta