Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/07/2014 | Actualizada ás 08:00
“Somos maioría as persoas que queremos cambiar as cousas, que queremos facer deste país, Galiza, un lugar digno no que pague a pena vivir, no que as nosas fillas e fillos teñan futuro e no que a xente teña, de verdade, a palabra e a decisión”. Así comeza un manifesto que se presenta este martes e que ten coma lema “somos maioría”.
Precisamente, o seu obxectivo é promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, “subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación”.
Estas candidaturas terían que estar integradas por “cidadáns plurais a partir do protagonismo directo da cidadanía” e con programa con principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego. “Unha proposta coma esta ten sentido para agrupar á inmensa maioría das persoas e organizacións comprometidas coa democracia, coa defensa da maioría social e co dereito a decidir do pobo galego, para, en primeiro lugar, desaloxar á corrupción e poñer os concellos ao servizo do pobo e do noso País”, recolle o texto.
Os seus impulsores insisten que o seu obxectivo é “promover de abaixo arriba” iniciativas cidadáns que permitan “apartar aos corruptos dos concellos e poñer no seu lugar á cidadanía”.
Este é o manifesto que xa está publicado en http://somosmaioria.org/
TEXTO DO MANIFESTO
"Somos maioría …"
Somos maioría as persoas que queremos cambiar as cousas. Que queremos facer deste país, Galiza, un lugar digno no que pague a pena vivir, no que as nosas fillas e fillos teñan futuro e no que a xente teña, de verdade, a palabra e a decisión.
Porque somos maioría as persoas que non estamos dispostas a tolerar a desigualdade, o retroceso das condicións de vida dos máis para que uns poucos se enriquezan, o espolio e a privatización dos nosos recursos naturais e a degradación dos nosos sinais de identidade, moi principalmente da nosa lingua.
Somos maioría as persoas que pensamos que a orde social debe asegurarnos o dereito a un benestar e unha seguranza material mínima: a ter unha vivenda digna, a ter un traballo decente, a poder protexer a nosa saúde e o noso medio ambiente, a poder acceder ao ensino e á cultura.
Somos maioría as persoas que queremos aproveitar este momento de cambio para impulsar unha democracia avanzada, fundada nos valores republicanos da igualdade, fraternidade e liberdade.
Somos maioría as persoas que demandamos un grande entendemento galego para saírmos desta situación de empobrecemento, marxinación, e mesmo inanición polo ruín desgoberno que estamos a sufrir.
Somos maioría quen demandamos que exista unha alternativa de confluencia e unidade
que poña fin a este estado de regresión nos dereitos, liberdades e autogoberno.
… e temos que entendernos
Cando impulsamos este manifesto non queremos substituír a ningún partido e a ningunha organización. Só pretendemos, dende unha posición de democracia militante, alentar un proceso que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social.
A unidade non é para nós un recurso retórico senón un recurso natural, o máis valioso das xentes e dos pobos que non se resignan ante a inxustiza e a corrosión a que están sometidos os dereitos e o roubo de espazos de benestar laboriosamente construídos.
A nosa proposta
Sobre a base do que coidamos o común denominador da maioría social, defensa dos dereitos sociais como punto de partida para unha sociedade máis xusta, e do dereito da xente a decidir como parte esencial dunha democracia verdadeira:
- Promover e alentar candidaturas de unidade para as eleccións municipais, subliñando a importancia decisiva que teñen os concellos como espazos de participación, transformación
e emancipación.
- Promover e alentar e candidaturas cidadáns plurais a partir da protagonismo directo da cidadanía, coa procura da harmonía de principios comúns e programas concretos, a nivel local e galego. Unha proposta coma esta ten sentido para agrupar á inmensa maioría das persoas e organizacións comprometidas coa democracia, coa defensa da maioría social e co dereito a decidir do pobo galego, para, en primeiro lugar, desaloxar á corrupción e poñer os concellos ao servizo do pobo e do noso País.
Temos a certeza de que unha alternativa común coma esta pode ser amplamente maioritaria e protagonizar os cambios que Galiza precisa con urxencia.
Galiza xullo de 2014
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.