Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/06/2022 | Actualizada ás 20:48
A Audiencia Nacional rexeitou a petición da empresa armadora do 'Villa de Pitanxo', Pesquerías Nores, para aprazar as declaracións do patrón e do seu sobriño previstas para o vindeiro luns 6 de xuño, do mesmo xeito que a do terceiro sobrevivente do naufraxio, Samuel Kwesi. Así o confirmaron fontes xurídicas, que explicaron que a motivación da demanda, á que a Audiencia Nacional dixo que non, respondería á necesidade de ter máis tempo para preparar o interrogatorio.
Deste xeito, os tres sobreviventes do naufraxio do pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo', que se afundiu a 450 quilómetros da costa de Terranova (Canadá) o pasado 15 de febreiro, acudirán este luns a Madrid para declarar ante a Audiencia Nacional.
Así, os únicos tres mariñeiros que saíron con vida dunha traxedia que supuxo 21 falecementos, terán que prestar declaración no Xulgado de Instrución número 2. Deles, o patrón do barco, Juan Padín, farao en calidade de investigado na causa, ao apreciarse indicios de 21 homicidios imprudentes, mentres que o seu sobriño, Eduardo Rial, e o mariñeiro Samuel Kwesi farano como testemuñas.
É ás 09,30 horas cando está previsto que comecen as declaracións na Audiencia Nacional este luns, a pesar de que o tribunal aínda non se declarou competente para investigar o caso do afundimento do pesqueiro galego.
Con todo, si lle compete comezar as dilixencias, sobre todo as máis urxentes, debido a que ten coñecemento do caso. Cabe lembrar que a Audiencia Nacional tratou de remitir a Marín a causa, porque é a localidade onde radica o porto basee do navío. No entanto, o xulgado pontevedrés rexeitou a inhibición, ao entender que os supostos delitos que se investigan foron cometidos en augas internacionais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.