Ostra xaponesa, un invasor que ameaza o equilibrio das rías galegas co cambio climático

Introducida na década de 1980 e explotada comercialmente nas Rías Altas, a ostra do Pacífico podería espallarse cara ao sur e ocupar a totalidade das Rías Baixas polo quecemento do mar, causando impactos ambientais e económicos, alertan científicos.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 03/07/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cultivo de ostras (ostricultura) en Galicia baseouse tradicionalmente na ostra plana (Ostrea edulis), especie autóctona de alto valor gastronómico que se viu minguada e desprazada nos últimos anos por outra especie exótica invasora, a ostra do Pacífico, coñecida popularmente como ostra xaponesa ou rizada (Magallana gigas, anteriormente denominada como Crassostrea gigas no argot científico). Os expertos sinalan como causas do declive da ostra plana nas rías galegas a sobreexplotación dos bancos naturais, a diminución na captación de semente e a dificultade para importala doutros países, así como as altas mortalidades orixinadas por infeccións parasitarias. Isto levou, desde os anos noventa do século XX, á introdución progresiva en Galicia da ostra xaponesa como alternativa parcial para a ostricultura. Orixinaria do Pacífico, é máis resistente a patóxenos e ten unha maior taxa de crecemento, pero tamén supón unha ameaza para o equilibro das rías galegas e para o sector marisqueiro. Novas evidencias científicas mostran que alén dos cultivos controlados, a ostra rizada está a espallarse de maneira natural, de norte a sur da costa galega, polo aumento da temperatura do mar. Os científicos alertan: “A expansión e naturalización da ostra do Pacífico no litoral galego probablemente afectará especies autóctonas e as actividades económicas”.

Ostra xaponesa, rizada ou do Pacífico (Magallana gigas)
Ostra xaponesa, rizada ou do Pacífico (Magallana gigas) | Fonte: P.Lameiro - Wikimedia.

As evidencias mostran que a ostra xaponesa comezou a naturalizarse no norte de Galicia, onde foi introducida accidentalmente. “Nas últimas décadas, observouse unha maior abundancia desta especie no litoral galego, expandíndose cara ao sur, chegando ao Golfo Ártabro [rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol], probablemente debido ao quecemento oceánico”, apunta os científicos e científicas responsables dos novos achados. As súas previsións, con base nos seus modelos, son que o quecemento progresivo da temperatura do mar, ligado ao cambio climático, favorecerá a expansión natural da ostra rizada por todas as rías, “polo que será necesario poñer en marcha estratexias de seguimento e xestión para mitigar o seu efecto”, avisan.

“Como ocorreu noutras zonas do mundo, a expansión da ostra do Pacífico na costa galega afectará probablemente as especies autóctonas e as actividades económicas”

A investigación está asinada por investigadoras e investigadores do EphysLab (Environmental Physics Laboratory) da Universidade de Vigo, do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Consellería do Mar, do Departamento de Física do Centro de Estudos do Ambiente e do Mar (CESAM) da Universidade de Aveiro (Portugal), e do instituto independente de investigación mariña Deltares (Países Baixos). Nela, fixeron unha análise da expansión histórica da ostra xaponesa en Galicia mediante datos in situ e proxeccións da súa expansión futura polo progresivo quecemento do mar. Os resultados indican que o aumento da temperatura da auga favorecerá novos asentamentos desta especie cara ao sur e “podería naturalizarse nas Rías Baixas nas próximas décadas”, expoñen. Termicamente, a de Arousa, explican, “parece ser a ría máis favorable para o futuro asentamento da ostra do Pacífico”.

Os datos apuntan que a extensión das zonas termicamente favorables para esta especie nas augas galegas aumentará rapidamente a mediados deste século e chegará ao 100 % da superficie das rías a finais de século. “Como xa ocorreu noutras zonas do mundo, a expansión e naturalización da ostra do Pacífico na costa galega afectará probablemente as especies autóctonas e as actividades económicas”, comentan.

Asentamentos de ostra xaponesa (Magallana gigas) nas rías de Ferrol (na parte superior) e do Barqueiro (na parte inferior) / M. Des et al., en Science of the Total Environment, Volume 838, Part 3, 2022, 156437, ISSN 0048-9697, https://doi.org/10.1016/j.scitotenv.2022.156437.
Asentamentos de ostra xaponesa (Magallana gigas) nas rías de Ferrol (na parte superior) e do Barqueiro (na parte inferior) / M. Des et al., en Science of the Total Environment, Volume 838, Part 3, 2022, 156437, ISSN 0048-9697, https://doi.org/10.1016/j.scitotenv.2022.156437.

Para o estudo, o equipo científico recompilou datos históricos da temperatura da superficie do mar para investigar a relación entre a aparición de novas poboacións de ostras xaponesas e a idoneidade térmica das distintas zonas analizadas, comparando dous períodos históricos, 1982-2001 e 2002–2020. Para as proxeccións futuras, considerouse o escenario de emisións de gases de efecto invernadoiro RCP 8.5. A comunidade científica internacional traballa con catro escenarios diferentes nas súas proxeccións sobre o cambio climático, asumindo diferentes niveis de esforzo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel global; en cada un destes escenarios teríanse diferentes impactos do cambio climático. Así, o escenario RCP 2.6 é o máis optimista, cunha redución de gases; os RCP 4.5 e RCP 6.0 son os de estabilización das emisións, e o RCP 8.5 é o escenario extremo, cun nivel moi alto de emisións seguindo a tendencia actual de aumento a nivel global. É cos escenarios 4.5 (intermedio) e 8.5 (extremo) cos que máis traballa a comunidade científica, dados os escasos e lentos pasos que se deron até agora para frear as emisións de gases de efecto invernadoiro.

EVOLUCIÓN DA OSTRA XAPONESA EN GALICIA

En Galicia, confirmouse a presenza das primeiras colonias de ostras do Pacífico naturalizadas, cunha ampla gama de tamaños. en diferentes localidades das Rías Altas (Ribadeo, Foz, San Cibrao, Viveiro, O Barqueiro e Ortigueira). Durante a mostraxe de campo, rexistráronse exemplares cunha altura dorsoventral de ata 200 milímetros, o cal “suxire que a especie se estableceu hai moito tempo”, apuntan os responsables da investigación.

Polo tanto, engaden, “estas observacións son consistentes coa hipótese de que a súa orixe foron as ostras do Pacífico introducidas accidentalmente durante a década de 1980 mesturadas con lotes de sementes de ostra plana importados de Francia”.

Como relatan, os primeiros plans de explotación de bancos naturalizados de ostra xaponesa en Galicia desenvolvéronse na ría do Barqueiro en 2007, e a comercialización das ostras do Pacífico recollidas nesta área comezou en 2010, cando se venderon 59.577 toneladas nas poxas locais.

De 2007 a 2016, a explotación e comercialización desta especie só se realizaron nas Rías Altas, desde a ría de Ribadeo até Cabo Ortegal, onde remataba o límite occidental das poboacións establecidas de ostra xaponesa.

"As poboacións de ostra do Pacífico nas Rías Altas están ben establecidas e en expansión natural, mentres que nas Rías Centrais constitúen unha zona de colonización recente”

Fóra da área cantábrica galega, os primeiros rexistros de venda de ostra xaponesa nas poxas de pesca na costa atlántica de Galicia apareceron en 2017, segundo recollen no estudo. “A colleita foise expandindo progresivamente pola costa noroeste de Galicia, e na actualidade, a ostra do Pacífico recóllese nas costas norte e noroeste. Os arrecifes situados na costa norte son os máis produtivos, cun 97,39 % da produción total entre 2010 e 2020. Durante a última década, aumentaron as áreas de recolección así como o número de ostras vendidas nas lonxas, alcanzando un máximo en 2018, cando se venderon máis de 189 toneladas de ostra xaponesa”, describen os investigadores.

No estudo, revelan que “os datos de produción e as observacións de campo indican que as poboacións localizadas nas Rías Altas están ben establecidas e en expansión natural, mentres que nas Rías Centrais [Cedeira, Ferrol, Ares, Betanzos, A Coruña, Corme e Laxe, Camariñas e Corcubión] constitúen unha zona de colonización recente, onde as poboacións están en fase de establecemento”.

Os científicos cren que estes cambios no límite de distribución xeográfica da ostra rizada en Galicia, durante a última década, “probablemente estean relacionados co quecemento do mar”. De feito, constatan que o incremento da temperatura da auga aumentou o número de días nos que a temperatura do mar permanece por enriba dos 18 °C, onde se sitúa o límite inferior para o éxito de desove, desenvolvemento larvario e asentamento da ostra xaponesa.

“As condicións térmicas óptimas para o asentamento da ostra do Pacífico (temperatura da auga igual ou superior a 18 °C durante polo menos 15 días consecutivos) só se observaron na costa norte de 1982 a 2001, mentres que máis recentemente (período 2002−2020), estas condicións tamén se deron na costa noroeste de Galicia. A mellora das condicións térmicas unida á hidrodinámica local probablemente favoreceron estes novos asentamentos nas Rías Centrais”, argúen os autores do estudo, que proseguen: “En xeral, os ventos predominantes do nordés de marzo-abril a setembro-outubro promoven unha corrente superficial cara ao sur cunha desviación mar adentro relacionada co transporte de Ekman. Este período coincide coa época de desove da ostra do Pacífico e puido facilitar a dispersión cara ao sur das larvas de ostra. Os datos da temperatura da superficie do mar indican que os 43° N [Costa da Morte] representan o límite do rango térmico sur para o asentamento desta ostra; porén, polo que sabemos, non se observaron poboacións naturalizadas máis ao sur do Golfo Ártabro”.

Aínda que se observou un desprazamento cara ao sur do límite térmico desta especie nas últimas dúas décadas, até as Rías Centrais, os científicos comprobaron que, en xeral, “as condicións térmicas seguen a ser desfavorables para a ostra do Pacífico para o seu recrutamento nas Rías Baixas, onde esta ostra se cultiva con semente procedente das rías do norte ou importada de Francia”.

Os datos dos científicos mostran que, até agora, “só as zonas máis internas das Rías Baixas, principalmente as de Muros, Arousa e Vigo, foron favorables para o recrutamento de ostra do Pacífico”. “Malia a presenza de bateas nalgunhas destas zonas con condicións favorables, como na Ría de Arousa, ata o momento non se informou de recrutamento natural” desta especie, clarifican.

INVASIÓN FUTURA DA TOTALIDADE DAS RÍAS BAIXAS

Porén, nun escenario de quecemento global cun “impacto esperado significativo” nas Rías Baixas, como predín moitos estudos, “cabe preguntarse se as condicións serán favorables no futuro para a naturalización da ostra do Pacífico”, comentan.

Así, as proxeccións realizadas mostran que haberá un aumento da temperatura da auga tanto no futuro próximo como no afastado neste século en todas as Rías Baixas, se non se frea o cambio climático. En concreto, agárdase un aumento da temperatura da auga entre 0,5 e 1,5 °C para o futuro próximo e entre 2 e 3 °C para o futuro afastado en máis do 99 % da superficie acuática das Rías Baixas.

“Espérase que a extensión total das zonas aptas para a ostra xaponesa nas Rías Baixas aumente nos próximos anos, chegando en todas elas ao 100 % a finais de século"

Os modelos mostran que, no escenario de avance do cambio climático, as condicións termicamente favorables para a ostra xaponesa se estenderán progresivamente nas Rías Baixas de interior a exterior e de zonas menos profundas a máis profundas. As proxeccións mostran que a mediados deste século (período 2040-2069), a maior extensión de zonas favorables para a ostra rizada estarán no interior e zona media das rías de Arousa e Vigo; nesta última, tamén se identificaron importantes áreas termicamente idóneas para a ostra xaponesa na baía de Baiona e nunha ampla franxa de mar fronte ás illas Cíes. Outras zonas aptas para esta especie a mediados de século, aínda que máis pequenas, atópanse nas zonas máis interiores das rías de Muros e Pontevedra, e nesta última, tamén na ría de Aldán e na área de Bueu.

E a medida que avance o século, se non se frea o cambio climático ou non se conteñen os seus impactos, no período 2070-2099 as condicións térmicas serán favorables para o asentamento da ostra xaponesa na práctica totalidade da superficie das Rías Baixas.

“Espérase que a extensión total das zonas aptas nas Rías Baixas aumente nos próximos anos, pero o ritmo de aumento pode diferir entre as rías, chegando en todas elas ao 100 % a finais de século. Seguindo as proxeccións, a de Arousa pode ser a ría máis idónea para a naturalización da ostra do Pacífico, xa que arredor do 50 % da súa extensión total pode ser favorable para o recrutamento a mediados de século, chegando ata o 90 % na década de 2080 e o 100 % para 2100. Non se prevén cambios significativos para as rías de Pontevedra e Vigo ata a década de 2060. Finalmente, na ría de Muros prevese inicialmente unha taxa de variación moi baixa, cun forte incremento nas últimas décadas do século”, resumen os científicos.

Polo tanto, “todos os resultados indican que a ostra do Pacífico poderá experimentar un proceso de naturalización nas Rías Baixas no futuro”. “Nalgunhas zonas xa se poden atopar condicións térmicas adecuadas e, polo tanto, o asentamento exitoso pode producirse durante os próximos anos”, aportan.

Das Rías Baixas, a de Arousa “será probablemente a primeira onde se naturalice” a ostra do Pacífico, aínda que “as condicións térmicas favorables mellorarán substancialmente” en todas e “prevese que as catro rías sexan termicamente favorables para esta especie”, explican.

AMEAZAS

En xeral, a naturalización da ostra do Pacífico estenderase por todas as Rías Baixas debido ao quentamento dos océanos, o que suporá importantes cambios no hábitat e no ecosistema difíciles de predicir pero susceptibles de provocar un grave impacto ecolóxico e económico, polo que será necesario implementar estratexias de seguimento e xestión ao seu efecto.

Esta colonización das Rías Baixas por parte da ostra xaponesa é toda unha ameaza ambiental, xa que esta especie está considerada un “enxeñeiro de ecosistemas”, termo co que se denomina os organismos que crean, modifican, manteñen ou destrúen un hábitat e que exercen influencia na riqueza de especies ou biodiversidade e na heteroxeneidade da paisaxe dunha área. Pois ben, se se cumpren os prognósticos climáticos e as previsións dun espallamento da ostra rizada nas Rías Baixas, espérase que esta “poida modificar a estrutura dos hábitats, provocando cambios na diversidade local, xa que pode inhibir a recuperación das ostras planas autóctonas, provocar unha diminución das algas fucoides ou inducir cambios na química dos hábitats”, avisan os expertos.

Outras especies que se verían comprometidas serían os mexillóns e as ameixas, xa que a ostra do Pacifico “pode competir polo asentamento” con estoutros moluscos, “e mesmo pode vivir como epibionte nos bancos de mexillóns”,  o cal, proseguen, “leva á competencia trófica”, isto é, a unha competencia entre individuos de distintas especies na que se disputan os mesmos recursos nun ecosistema (por exemplo o alimento ou o espazo vital).

 “Algúns países no dubidan en caracterizar a ostra do Pacífico como una ‘peste’ e expertos europeos do proxecto DAISIE catalogárona como unha das cen especies exóticas más invasivas en Europa”

A naturalización da ostra xaponesa tería, polo tanto, importantes impactos ambientais e económicos. Pero, ademais, advirten, existen “outros impactos socioeconómicos negativos a ter en conta, principalmente vinculados á presenza de arrecifes debido ás duras e afiadas cunchas das ostras, xa que poden causar lesións ás persoas ou dificultar o mantemento das canles de navegación das embarcacións de recreo”.

En definitiva, “as futuras condicións térmicas das Rías Baixas poden ser axeitadas para o establecemento da ostra do Pacífico, o que provocaría cambios ecolóxicos e de hábitat que poden afectar a pesca, a acuicultura e outras actividades económicas”, conclúen os autores e autoras da investigación.

A presenza da ostra xaponesa nas rías galegas trae máis ameazas aparelladas. Segundo o informe do Centro Tecnolóxico do Mar ‘O cultivo da ostra rizada en Galicia: pasado, presente e futuro’, de 2017, a ostra rizada “é responsable tamén da diseminación global de moitas especies acompañantes ou ‘autostopistas’ (hitchhiking species)”. Entre estas, o CETMAR sinala “especies daniñas”, como os gasterópodos caracol da ostra xaponesa e a zoca, e algas invasoras como o sargazo xaponés; axentes patóxenos, como o verme vermello da ostra, Bonamia ostreaeB. exitiosa, Haplosporidium nelsoni ou o virus herpes dos ostreidos tipo 1.

Por exemplo, o Grupo de Estudo do Medio Mariño en Galicia (GEMM) identificou en 2019, na ría de Arousa, o Ocinebrellus inornatus (caracol da ostra xaponesa), un gasterópodo carnívoro, predador de bivalvos, orixinario do Pacífico norte que xa fora introducido en Europa, en 1995, a través da cría de ostra en Francia. A especie foi identificada grazas ás mostraxes que habitualmente son levadas a cabo por membros do GEMM para o seguimento das especies exóticas e invasoras que habitan na costa galega.

“O achado desta especie en Arousa suma unha nova ameaza á xa longa lista de especies exóticas e invasoras que na súa maior parte son voraces predadores de bivalvos de interese comercial”, alertan desde o GEMM. De feito, sábese que o Ocinebrellus inornatus é unha especie depredadora de ostras.

Ocinebrellus Inornatus é orixinario do Mar do Xapón e foi introducido accidentalmente na costa do Pacífico americano desde a década de 1920. Os primeiros exemplares de Ocinebrellus inornatus en Europa atopáronse na década de 1990, na Bretaña francesa, e de aí foi estendéndose por diferentes países.

Trátase dun depredador de xuvenís de ostras, polo que podería ter un impacto moi negativo para a ostra autóctona ena Galicia, pero tamén para o mexillón e outros bivalvos, xa que estudos científicos certificaron que, aínda que, en menor medida, tamén son presas deste invasor.

En Portugal foi detectada por primeira vez a súa presenza na zona de Sagres (extremo sur do país), en 1999, vinculada ao cultivo da ostra. Desde entón constatouse un elevado potencial de expansión deste molusco, rexistrado como especie instalada no país veciño, onde se comprobou que ten impactos negativos na biodiversidade e socioeconómicos. En Francia tamén se observaron graves danos no cultivo de ostras causados pola expansión desta especie exótica.

Volvendo ao informe do CETMAR, aínda que os seus autores recoñecen que a ostra xaponesa pode xerar “beneficios económicos e sociais derivados dos ingresos e postos de traballo polo seu cultivo e explotación”, recordan que “algúns países no dubidan en caracterizala como una ‘peste’ e expertos europeos do proxecto DAISIE (Delivering Alien Invasive Species Inventories for Europe) catalogárona como unha das cen especies exóticas más invasivas en Europa”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta