A 'Feira do Viño de Valdeorras' volve con grandes expectativas

Terá lugar no Barco de Valdeorras durante a fin de semana do 9 e 10 xullo. O principal evento de promoción doméstico dos caldos da DO Valdeorras volve celebrarse no seu formato tradicional tras un parón de dous anos provocado pola pandemia.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 18/06/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras abordou esta semana, con carácter case monográfico, a celebración da vindeira edición da Feira do Viño, que terá lugar na praza barquense de Viloira durante a fin de semana do 9 e 10 xullo.

Ambiente da Feira do Viño de Valdeorras (arquivo). Foto: Prensa DO Valdeorras
Ambiente da Feira do Viño de Valdeorras (arquivo). Foto: Prensa DO Valdeorras

O Consello Regulador e o Concello do Barco están a deseñar un completo programa de actividades paralelas para diferentes públicos, que inclúen catas comentadas de maridaxe de viños da terra e un taller de iniciación á cata. Dende a organización informan que en vindeiras datas darase a coñecer tanto o cartel que ilustra a feira como o programa completo de actos.

PREPARATIVOS E CATA OFICIAL

Na reunión do Pleno pactouse xa o prezo das copas para a Feira do Viño, prezo que será de 2 euros para as degustacións estándar e de 1,75 euros para as catas. Tamén haberá paquetes aforro no caso de escoller catro ou máis degustacións. 

No que respecta ao horario de apertura de stands das adegas participantes --aínda non se coñece o número de inscritas-- será de 12:30 a 14:30 h. pola mañá e de 19:30 a 23:00 h. pola noite.

Con carácter previo á feira terá lugar a tradicional Cata Oficial de Viños de Valdeorras. Será o 8 de xullo e os premios entregaranse esa mesma noite no complexo hostaleiro Paladium de Vilamartín de Valdeorras.

DECLARACIÓNS DO PRESIDENTE DO CONSELLO REGULADOR

O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, nimou a todos e todas, galegos, galegas e residentes noutros puntos da península e mesmo Portugal, a visitar a rexión nunhas datas nas que o viño será o protagonista absoluto.

"Non se arrepentirán e descubrirán o verdadeiro berce do godello, cuns brancos envexables e cuns tintos que cada vez gozan de máis prestixio e recoñecemento e, por suposto, todo iso no contexto dunha paisaxe incomparable, cunha gastronomía local e un ambiente único, cun singular patrimonio vitivinícola no que destacan as míticas covas", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Con ganas xa.