Arrincan os actos conmemorativos do centenario de Luz Pozo Garza

A conferencia inaugural correu a cargo do académico Xesús Alonso Montero.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/06/2022 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou este martes a conferencia inaugural dos actos organizados pola Xunta para celebrar o centenario do poeta Luz Pozo Garza, que correu a cargo do académico Xesús Alonso Montero.

Luz Pozo Garza
Luz Pozo Garza | Fonte: AXM.

Durante o acto, que tivo lugar na Cidade da Cultura, Valentín García destacou a relevancia da autora como "iniciadora dunha escola poética moi relevante" na literatura contemporánea, así como "a sutileza das súas composicións, abordando temáticas transcendentais no transcurso da vida e da súa traxectoria poética".

Na conferencia que abriu oficialmente este centenario, abordáronse os poemas de Luz Pozo sobre Rosalía de Castro, un dos grandes capítulos da súa obra nos que expresa episodios biográficos e literarios sobre a autora.

Así mesmo, desenvolveuse unha mesa redonda en relación á obra literaria da homenaxeada, da que formaron parte o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo, o poeta Claudio Rodríguez Fer, a escritora e profesora titular da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González e o crítico literario Armando Requeixo.

Esta actividade complementa a exposición 'Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida', organizada polo Goberno galego e inaugurada o día 9 de xuño con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos.

A mostra expón documentos acompañados de paneis onde se recollen poemas e unha narración cronolóxica para contextualizar a traxectoria vital e artística da autora. Poderá verse na Biblioteca de Galicia ata o 17 de outubro.

Ademais, coincidindo coa data exacta do nacemento de Luz Pozo Garza, o 21 de xullo, terá lugar o concerto musical e literario 'Sol de Medianoite'. Celebrarase no auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura, e correrá a cargo dun elenco musical vinculado á Orquestra Sinfónica de Galicia, integrado exclusivamente por instrumentos de corda. Serán 12 cancións sobre o libro homónimo da autora para mezzosoprano e orquestra con lectura de extractos do texto orixinal.

As homenaxes terán tamén reflexo no campo audiovisual. Presentarase e proxectarase o documental 'Na procura da luz', realizado pola fotógrafa Rosa Taboada cun percorrido pola súa vida e obra, con testemuños de persoas próximas a ela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta